Prezadas compañeiras e compañeiros,
Os días 20, 21 e 22 de novembro de 2025 celebraremos o XXXVIII Congreso de ENCIGA en Sada, na comarca das Mariñas, na provincia da Coruña.
Sada é unha vila mariñeira aberta ao mar e á cultura, cun forte vencello coa tradición, a paisaxe e o patrimonio. O seu paseo marítimo, as praias e o porto convidan ao paseo e á conversa tranquila. Aquí atoparedes arquitectura indiana e a modernista Terraza de Sada, símbolo do lecer doutros tempos, que segue a ser lugar de encontro.
Nesta ocasión, o congreso terá lugar no IES Isaac Díaz Pardo, un centro que leva o nome dun dos grandes referentes da cultura galega contemporánea. Isaac Díaz Pardo, artista, intelectual e impulsor de proxectos como o Laboratorio de Formas do que partirán numerosas iniciativas como a recuperación da fábrica de Sargadelos ou a creación do Museo Carlos Maside, ambos símbolos do deseño, a innovación e a identidade galega. A súa figura representa o compromiso coa memoria, a creación e a recuperación do noso patrimonio cultural.
Moi preto, poderedes visitar tamén lugares emblemáticos como o Pazo de Meirás, cargado de historia e memoria, ou gozar da natureza no entorno da ría de Betanzos, coas súas marismas, coa biodiversidade e coas Brañas, que constitúen un dos humedais máis importantes da zona.
Como en todos os congresos de ENCIGA, este será un espazo privilexiado para o reencontro coas compañeiras e compañeiros cos que compartimos paixón pola docencia e a ciencia. Teremos ocasión de participar en actividades de debate, conferencias e intercambio de experiencias que enriquecerán a nosa práctica educativa.
Animámosvos a presentar os vosos traballos: comunicacións, pósters ou calquera outra proposta que queirades compartir. Sen as vosas aportacións, o congreso non sería posible.
Toda a información sobre formatos, prazos e inscrición estará dispoñible na páxina web de ENCIGA: www.enciga.org.
Desde Sada, e en especial dende o equipo organizador do IES Isaac Díaz Pardo, recibide unha afectuosa benvida. Traballamos con ilusión para ofrecervos un congreso enriquecedor, participativo e cheo de boa acollida. Contamos convosco!
As persoas coordinadoras do XXXVIII Congreso de ENCIGA.
María-Jesús Fuentes Silveira
Patricia Iglesias Noguerol