A exposición itinerante “XEAS: Mulleres que estudan a Terra” é propiedade conxunta da Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA) e da Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra, sección galega (AEPECT Galicia), sendo ENCIGA a entidade depositaria e a que coordinará a cesión da mesma en colaboración con AEPECT Galicia.
A exposición está dispoñible para o seu préstamo a todos aqueles centros nos que haxa algunha persoa socia de ENCIGA ou de AEPECT, tendo a súa sede física no local de ENCIGA situado na Facultade de Ciencias (USC), Avda. Afonso X O Sabio, s/n. 27002 – LUGO.
FORMATO DA EXPOSICIÓN
1.- A exposición está integrada por:
- Unha lona téxtil introdutoria da exposición.
- 6 lonas verticais con dúas pioneiras por lona, recolléndose en total a biografía de 12 pioneiras das Ciencias da Terra.
- Un libro de XEAS: Mulleres que estudan a Terra, para colocar nun atril.
2.- En total son sete lonas de tamaño 200 x 90 cm, proporcionándose tamén os soportes.
Trátase dun formato de exposición moi versátil, que se pode colocar en múltiples espazos e que é doado de transportar e de montar.
CONDICIÓNS XERAIS DO PRÉSTAMO
1.- A cesión da exposición é gratuíta, tendo como único coste para o centro receptor o transporte da mesma ata o centro e, no caso de que se devolvera desde este ao local de ENCIGA, tamén os do envío da devolución. Se houbera unha solicitude dun centro para expoñela a continuación, o centro que a ten nese momento encargaríase de enviarlla ao novo centro receptor, mais sería este último o que asumiría os costes do transporte.
2- A solicitude debe cursarse a través do formulario dispoñible na páxina web de ENCIGA, sendo a asociación a que comunicaría á persoa que a cursara o préstamo da mesma e o período asignado (tendo en conta a preferencia do centro receptor).
3.- A exposición debe permanecer no centro solicitante un mínimo de dúas semanas. A prórroga deste tempo queda condicionada a demanda que haxa da mesma en cada momento.
4.- O centro receptor comprométese a manter informada a través dun correo electrónico a ENCIGA da data de recepción e de devolución ou saída cara a outro centro da exposición, así como de calquera incidente que haxa coa mesma.
5.- As lonas e soportes devolveranse en perfecto estado. Calquera deterioro dos mesmos por mal uso, descoido ou por sustracción deberá ser asumido pola institución receptora, comprometéndose a reparar o dano (panel ou soporte, no seu caso).
6.- A montaxe é moi sinxela, non necesitándose persoal especializado sempre que se comprenda o mecanismo dos soportes.
7.- Os dereitos das ilustracións pertencen a Nívola Uyá e dos textos a Rosa María Mateos e Ana Ruíz Constán.
8.- En todas as accións de difusión da exposición debe constar o título, as autoras, as institucións implicadas -CSIC-IGME, Comisión Mulleres e Xeología-SGE, AEPECT e ENCIGA.
Aviso: O préstamo da exposición xa está cuberto para o curso 2024/25, pero podedes facer as vosas solicitudes para o curso 2025/26 (excepto o mes de febreiro 2026 xa reservado)