Congresos Enciga

Conferenciantes

XOVES 20 DE NOVEMBRO 

TÍTULO: “Como explicar a edición Xenética nos institutos de educación  secundaria?” 

PONENTE: Lluís Montoliu 

Lluís Montoliu (Barcelona, 1963) é Licenciado e Doutor en Bioloxía pola Universidade de Barcelona, investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e membro do comité de dirección do Centro de Investigacións Biomédicas en Rede en Enfermidades Raras (CIBERER-Instituto de Saúde Carlos III) no Centro Nacional de Biotecnoloxía en Madrid, do que actualmente é Vicedirector. É o Director do nodo español do arquivo europeo de ratos mutantes (EMMA/INFRAFRONTIER). Foi durante 20 anos profesor honorario da Universidade Autómoma de Madrid e durante 3 anos profesor honorífico da Universidade Complutense de Madrid na facultade de Bioloxía. Traballou en Barcelona, Heidelberg (Alemaña) e Madrid. 

Investiga sobre enfermidades raras, como o albinismo, usando modelos animais (ratos) modificados xeneticamente coas ferramentas CRISPR de edición xenética, de cuxo uso foi pioneiro en España. Publicou uns 150 artigos científicos. Foi membro e Presidente do Comité de Ética do CSIC e asesor de Presidencia do CSIC en temas de ética e de Science Europe. É membro do Comité Español de Ética da Investigación (CEEI) e forma parte do panel de ética do ERC en Bruxelas. Fundou e presidiu diversas sociedades científicas. Preside actualmente ESPCR e IFPCS, é vicepresidente de ARRIGE e é o Secretario Científico da SEBBM. Escribiu sete libros de divulgación científica sobre edición xenética, dous sobre albinismo, xenética da pigmentación, enfermidades raras, bioética e sobre a profesión científica.

Recibiu numerosos premios polas súas investigacións e pola súa extensa actividade divulgadora.


 

 

 

 

VENRES 21 DE NOVEMBRO

TÍTULO: Mentiras, malditas mentiras e estatísticas

PONENTE: Rosa Crujeiras Casais

Rosa M. Crujeiras é catedrática da área de Estatística e Investigación Operativa (Dpto. de Estatística, Análise Matemática e Optimización) na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Licenciada en Matemáticas (2001), Diploma de Estudos Avanzados (2003) e Doutora en Estatística e Investigación Operativa (2007, tese titulada “Contributions to Spectral Spatial Statistics”, desenvolveu os seus estudos na USC, realizando estadías predoutorais en Estados Unidos e o Reino Unido. Tras un período posdoutoral no recentemente creado Servizo de Consultoría Estatística na USC, obtén no ano 2008 outro contrato como investigadora posdoutoral na Universitè catholique de Louvain, en Bélxica. En xaneiro de 2009 retorna á USC como profesora interina de substitución, desenvolvendo a súa carreira académica nesta universidade.

Dende setembro de 2021 é Directora Científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia, CITMAga. A súa traxectoria foi recoñecida co Premio al Talento Joven Científico Femenino 2023 pola Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e en 2024, xunto coas profesoras M. Alonso e I. Gijbels, recibiu o Premio á Mellor Contribución Metodolóxica en Estatística da Sociedad de Estadística e Investigación Operativa (SEIO) e da Fundación BBVA (FBBVA). A investigación de Rosa M. Crujeiras centrouse no desenvolvemento de metodoloxía non paramétrica para a análise de datos en contextos complexos: procesos con dependencia espacial, variables observadas sobre soportes non-euclídeos (datos circulares e direccionais) e, máis recentemente, datos con información parcial (dobremente truncados). Os traballos sobre dependencia espacial son os que desenvolve fundamentalmente na súa etapa de tese e eta posdoutoral inicial, antes de abordar unha nova liña de investigación en datos direccionais, unha temática que non fóra traballada antes no seo do grupo de investigación, e que supuxo un importante recoñecemento a nivel internacional e a creación. Fusionando estes últimos avances co tema no que comezou a súa carreira académica, ten traballado tamén en estimación e contrastes sobre procesos circulares espaciais. Estes campos da estatística requiren o uso de ferramentas avanzadas da análise matemática e da xeometría Riemanniana, sentando as bases para a comprensión teórica de modelos estocásticos para datos complexos, sendo un inmellorable exemplo da necesidade de interdisciplinariedade para conseguir avances científicos relevantes. As súas contribucións máis recentes no ámbito dos datos direccionais achegan propostas de estimación non paramétrica para densidade e regresión con datos circulares, empregando neste último contexto tanto regresión á media como regresión modal, unha aproximación totalmente novidosa para este tipo de datos, ao igual que a regresión por verosimilitude local. Ten dirixido 8 teses doutorais nestas áreas. 


 

 

 

 

SÁBADO 22 DE NOVEMBRO

TÍTULO: Aulas para Pensar, tarefas para todos e todas

PONENTE: Gregorio Morales Ordóñez

Licenciado en Matemáticas pola Universitat de València e doutorando en Didáctica da Matemática, é docente en secundaria e bacharelato desde 2008 e foi profesor asociado na Facultade de Educación de Alicante.

Impartiu seminarios de formación de profesorado sobre Resolución de Problemas e sobre Aulas para Pensar. É autor de “La estructura de los números” e a serie “Problemas para pensar en matemáticas”