Congresos Enciga

Oradores invitados ao XXIX Congreso de ENCIGA

Bioloxía a vista de célula: un enfoque microscópico ás entrañas dun cancro.

Jorge Barbazán

Jorge Barbazán (Brión, A Coruña,1984) estudou a secundaria no IES Xulián Magariños de Negreira. Licenciouse en Bioloxía Molecular e Biotecnoloxía na Universidade de Santiago de Compostela no ano 2008, obtendo o premio extraordinario de fin de carreira da comunidade autónoma de Galicia. Realizou os seus estudos de doutoramento no Hospital Cínico da mesma universidade, no laboratorio de Oncoloxía Médica Traslacional entre os anos 2009 e 2014, pola cal obtivo o premio de doutoramento da USC. No ano 2015 trasladouse a París (Francia) onde realiza actualmente un post-doutoramento no Instituto Curie, no laboratorio de Migración e Invasión celular, como bolseiro do programa Marie Curie.

A sua actividade investigadora está centrada no estudo dos mecanismos moleculares que gobernan o proceso de metástase, mediante o cal os tumores son capaces de diseminar e de formar tumores secundarios en órganos ás veces moi distantes da súa localización orixinal. Durante a sua tese de doutoramento, afondou no estudo das CTCs ou “Células Tumorais Circulantes” en cancro de colon. Estas células tumorais flúen no sistema sanguíneo e son as principais causantes da formación de metástases, sendo polo tanto de gran interese á hora do deseño de novas estratexias terapéuticas e ferramentas de detección temperá. Actualmente está centrado no estudo do chamado “micro-ambiente tumoral”, ou o que é o mesmo, o entramado celular no que se encontra inmerso un tumor, de gran importancia como regulador das características do mesmo, e no que se centran os fármacos antitumorais máis recentemente desenvolvidos.

Á parte da sua faceta puramente científica, estivo sempre ligado a diversas actividades de divulgación. Xunto con outras científicas e científicos mozos, foi fundador de InvestigArte (www.investigarte.es), un concurso de arte científico orientado a investigadores e a estudantes de ESO e bacharelato, estando na organización do mesmo nas súas tres primeiras edicións. Xa en París, formou parte, entre outras actividades, do comité organizador da primeira semana da ciencia do Colexio de España en París no ano 2016.


De los núcleos a las estrellas y su impacto social

José Benlliure Anaya

José Benlliure Anaya, licenciouse en Física na Universidade de Valencia en 1991, realizou o seu traballo de tesis doctoral no Grand Accelerateur d’Ions Lourds en Caen (Francia) en 1995 e tivo contratos de investigación no Laboratoire de Physique Corpusculaire en Caen e no Gessellschaft fur Scwereionenforschung en Darmstadt (Alemaña). Chegou á Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela en 1998 onde actualmente é catedrático do área de Física Atómica, Molecular e Nuclear.

As súas principais liñas de investigación son o estudo das reaccións nucleares, que nos axudan a entender a estructura do núcleo atómico ou a reproducir no laboratorio os procesos de xeración de enerxía e materia nas estrelas, e o emprego de láseres na aceleración de partículas. Publicou máis de 200 artigos en revistas especializadas de alto impacto, dirixiu once tesis doctorais e foi ponente invitado nos congresos internacionais máis importantes no ámbito da Física Nuclear. É coordinador do Grupo Experimental de Núcleos e Partículas da USC, durante moitos anos coordinou a participación española no novo centro de investigación internacional FAIR en Darmstadt, Alemaña e recentemente foi o investigador promotor da construcción do Laboratorio Láser de Aceleración e Aplicaciones da USC.


Matemáticas para o futuro ou o futuro das Matemáticas

Mª Victoria Otero Espinar

Mª Victoria Otero Espinar é profesora acreditada a Catedrática da área de Análise Matemática da Universidade de Santiago de Compostela. Vinculada dende 1986 á USC ocupou diversos postos docentes nos Campus de Lugo e Santiago. En 1989 ocupou o cargo de Academic Visitor no Centro de Investigación T. J. Watson, Yorktown Heights de IBM en New York.

Na actualidade é Decana da Facultade de Matemáticas da USC, Presidenta da Conferencia de Decanos de Matemáticas de España, Presidenta da Comisión Profesional da Real Sociedade Matemática Española (RSME) e anteriormente coordinadora do Colexio de Decanos/as e Directores/as de Centro da USC. Tamén é membro do comité executivo do Comité Español de Matemáticas, da xunta de goberno da RSME e membro fundador da Corbi Foundation.

As súas estancias en centros e laboratorios nacionais e internacionais como o de IBM en New York, Laboratoire de Mathématiques (Université de Nice), King’s College (University of Cambridge) ou Mathematics Institute (University of Warwick), supuxeron a estreita colaboración con diferentes matemáticos e científicos, que deron lugar a numerosos traballos realizados en distintas liñas de investigación e publicados en revistas especializadas internacionais. Participa como membro do comité editorial en diversas revistas matemáticas.

Á súa actividade investigadora e docente únese a participación e organización de actividades de innovación docente e de divulgación científica, encamiñadas a conseguir un achegamento das matemáticas á sociedade.

A mellora das Matemáticas a todos os niveis, educativo, profesional e investigador, é a súa máxima inquietude.