Congresos Enciga

Presentación do XXIX Congreso de Enciga

Lugar de celebración

  • IES Xulián Magariños, de Negreira

Datas

  • 17, 18 e 19 de novembro de 2016

Comité organizador do XXIX Congreso de ENCIGA:

Coordinadores: 

  • Adelino Pose Reino
  • Francisco Rañal Loureiro
Correo web para o Congreso: congreso29@enciga.org
  • Data límite para a inscrición: 13 de novembro

Inscrición aquí. Máis información no menú da esquerda: XXIX Congreso (2016)

 

 

Carta de presentación

Estimados compañeiros/as:

Pola presente diríximonos a todos vós para invitarvos a participar na XXIX edición do congreso anual da nosa asociación ENCIGA, que este ano 2016 terá lugar os días 17, 18 e 19 de novembro no IES Xulián Magariños de Negreira (A Coruña).

Si, trátase xa, nada menos, que da vixésimo novena edición dun evento educativo que nós, os coordinadores deste próximo congreso, consideramos fundamental para a constante mellora do ensino das ciencias na nosa comunidade. Todos sabemos que a Ciencia está en permanente evolución, pero debemos ser conscientes que tamén están en continua evolución os medios e os modos de ensinala, especialmente nestes anos nos que estamos a vivir a chamada “revolución dixital” que está a transformar case todos os eidos das nosas vidas. Todos os ensinantes temos a natural tendencia a ensinar como fomos ensinados, cústanos rachar coa nosa inercia e abrirnos a novas metodoloxías. Pero se queremos que a Ciencia enganche ás novas xeracións para que se involucren na súa construcción e na súa aplicación na nosa sociedade, é necesario que polo menos nos manteñamos ao día das innovacións didácticas que se están a producir no noso entorno. Non para adoptalas todas, por suposto, pero si para coñecelas, valoralas e incorporar, total ou parcialmente, aquelas que consideremos que encaixan no noso estilo pedagóxico.

Por iso, para nós o congreso de ENCIGA é unha cita anual case que obrigatoria para a nosa continua formación profesional. Parécenos sen dúbida o foro máis importante da nosa comunidade de posta en común de experiencias didácticas no eido científico, e non hai edición da que non regresemos cun bon lote de ideas, coñecementos e experiencias interesantes aportadas por compañeiros e conferenciantes.

É por esta razón que encargarnos da coordinación deste XXIX congreso nos enche de ledicia e orgullo, inda que tamén de moita responsabilidade, pois os organizadores de todas as edicións anteriores deixaron o listón moi alto. O noso obxectivo é estar cando menos á altura da eficiencia, hospitalidade e bon facer demostrados por todos os que nos precederon nesta tarefa, aos cales queremos aproveitar para felicitar dende aquí e agradecer unha vez máis o seu esforzo e xenerosidade.

Pero o máis importante para que o XXIX sexa un éxito coma os anteriores é, sen dúbida, a vosa participación. Animámosvos, con todo o noso afán, a compartir con todos nós os vosos pequenos ou grandes achados didácticos nos formatos habituais de comunicacións ou obradoiros, envíandoos a congreso29@enciga.org.

Na páxina web de ENCIGA (www.enciga.org) poderedes consultar o formato e prazos de presentación dos traballos, así como formalizar a vosa inscrición ao congreso.

Recibide todos/as un moi cordial e agarimoso saúdo.

Os coordinadores:
Adelino Pose Reino

Francisco Rañal Loureiro

IES Xulián Magariños
Rúa Castelao 23 – 15830

Negreira (A Coruña)

Tel.: 981 88 53 49

 

Contidos do Congreso

Actividades

No congreso desenvolveranse as seguintes actividades:

  • Conferencias
  • Comunicacións
  • Comunicacións en cartel
  • Obradoiros
  • Exposicións e mostra de materiais
  • Debates
  • Visitas e actos sociais
Temas

Os temas que suxerimos para a presentación de traballos, sen carácter excluínte, son:

  • Experiencias didácticas
  • Actividades de investigación-acción
  • Experiencias interdisciplinares
  • Tratamento de contidos transversais
  • Avaliación
  • Estratexias metodolóxicas
  • Desenvolvemento curricular
  • Materiais curriculares
  • Recursos multimedia
  • Aquel tema que prefiras, porque xamais sobrará o que nos queiras contar