VISITA 1.- ACTIVIDADE INDUSTRIAL INNOVADORA E TRADICIONAL EN VALGA
Esta excursión pretende darvos a coñecer dúas das empresas punteiras de Valga estreitamente relacionadas cos campos das ciencias e da tecnoloxía, UROVESA e EXTRUGASA, para rematar no Centro de Interpretación do Augardente de Valga, onde poderemos coñecer unha das actividades tradicionais que se mantén viva na nosa contorna.
UROVESA
Empresa altamente especializada na construción de vehículos modulares e resistentes con características a demanda. Provedora do Ministerio de Defensa dende o ano 1984, conta con clientes en máis de trinta países nos campos industrial e militar.
Dende a súa fundación no ano 1981 o obxectivo de URO Vehículos Especiales S.A. foi deseñar vehículos polivalentes de altas prestacións e elevado nivel tecnolóxico, capaces de satisfacer coa máxima seguridade necesidades específicas.
As instalacións de Valga dispoñen de técnicas punteiras en fabricación e montaxe (conta cun departamento de enxeñería especializado e de alto rendemento), combinando zona fabril e áreas de dirección, deseño e I+D+i, así como unha esixente pista de probas, que permite unha capacidade produtiva de 5.000 vehículos/ano.
EXTRUGASA
Esta empresa desenvolve procesos de extrusión do aluminio (proceso de transformación dun tocho, materia prima con forma cilíndrica, nun perfil utilizando altas temperaturas), anodizado (tratamento electroquímico de oxidación controlada sobre a capa superficial do perfil de aluminio que desenvolve en catro plantas de 164000A), lacado (recubrimento da superficie do aluminio mediante a aplicación dunha capa de pintura en po, previo baño en ácido para neutralizar e evitar a oxidación) e mecanizado (con máquinas específicas para obter o produto desexado: corte de precisión, troquelado,…). Elabora ademais materiais con rotura da ponte térmica (RPT) incorporando pezas con materiais poliméricos entre os perfís de aluminio.
CENTRO DE INTERPRETACIÓN DO AUGARDENTE DE VALGA
Intentaremos rematar esta excursión combinando a innovación coa tradición, polo que asistiremos á fase final do proceso de elaboración artesanal do augardente nunha das parroquias do concello. Coma persoas de ciencias que somos, enfrontaremos o reto de cata e valoración.
VISITA 2.- VALGA PATRIMONIAL
A ruta comeza no:
MUSEO DA HISTORIA DE VALGA
Visita guiada a este espazo onde se mostran imaxes, reproducións e restos arqueolóxicos do patrimonio paisaxístico, histórico e artístico do concello; ademais esta visita permite un achegamento a unha das figuras máis ilustres de Valga: Agustina Carolina Otero Iglesias, máis coñecida como “A Bella Otero”.
De seguido, e xa no autobús dirixirémonos a:
- CAPELA DE SAN MAMEDE DOS MARTORES
Construción do s. IV-V (aínda que o actual edificio data do século XVII) onde hai restos dunha necrópole medieval e dúas sobreiras (Quercus suber) de grandes dimensións que foron incluídas no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras en novembro de 2023.
- FERVENZAS DE RAXOI E PARAFITA
Espazo natural que forma o río Valga no seu percorrido e que está acondicionado con pasarelas e onde tamén podemos ver un muíño restaurado.
Despois desta visita ao territorio máis elevado do concello, volvemos á zona de val onde pararemos nas
- LAGOAS DE CAMPAÑA
Formadas a partir da extracción de arxilas para unha antiga fábrica de ladrillo e actualmente acondicionadas como espazos de lecer.
- XACEMENTO DA IGREXA VELLA
Na parroquia de Santa Comba de Cordeiro, emprazado nunha profunda valgada e que presenta restos arqueolóxicos dende o século IV ata o século XVIII.
Finalizaremos o percorrido no:
- MIRADOIRO DE BEIRO
Posibilita unha vista panorámica de parte do val do río Ulla e outras elevacións limítrofes como a Serra do Barbanza. Neste lugar tamén se pode observar un muíño de vento restaurado e un itinerario botánico forestal.
- Imprescindible traer calzado cómodo e con bo agarre, pois o camiño nas fervenzas pode esvarar.
VISITA 3.- MAR DE SANTIAGO
Sairemos en autobús da praia fluvial de Vilarello, en Valga, cara Vilanova de Arousa. Neste percorrido aprenderemos a importancia xeolóxica, biolóxica e patrimonial de diferentes lugares de Valga, Catoira e Vilanova.
No porto de Vilanova de Arousa embarcaremos no catamarán para iniciar unha singular ruta marítimo fluvial, navegando a través do Mar de Arousa e o río Ulla. Durante o percorrido, á vez que desfrutamos da ría, achegarémonos ás bateas onde se cultiva o afamado mexillón e descubrimos os fitos en forma de cruceiro que balizan o Vía Crucis marítimo-fluvial que guía este Camiño de Santiago.
Ao chegarmos ao Ulla, pasamos fronte aos impoñentes restos das Torres do Oeste, en Catoira, que defenderon Compostela do ataque de viquingos, normandos e piratas sarracenos.
A ruta finaliza na praia de Vilarello, no medio das marismas de Valga e Dodro, recoñecidas polos seus valores naturais e integradas na Rede Natura 2000.
VISITA 4.- O ESTEIRO DO ULLA, OS SEUS RECURSOS E O INSTITUTO TECNOLÓXICO PARA O CONTROL DO MEDIO MARIÑO DE GALICIA (INTECMAR)
Esta saída pretende amosar as diferenzas entre un esteiro e unha ría, poñendo o foco na súa hidrografía e os seus recursos pesqueiros e marisqueiros. Como remate visitarase o Instituto Tecnolóxico para o control do medio mariño (INTECMAR) en Vilagarcía de Arousa.
As paradas que realizaremos serán:
- PESQUEIRAS DE HERBÓN (Padrón)
Lugares de pesca tradicional da lamprea desde os tempos romanos.
- PRAIA FLUVIAL DE VILARELLO (Valga)
Observación da circulación estuárica.
- INSTITUTO TECNOLÓXICO PARA O CONTROL DO MEDIO MARIÑO DE GALICIA (INTECMAR)
Instrumento oficial da comunidade autónoma de Galicia, para o control da calidade do medio mariño e a aplicación das disposicións legais en materia de control técnico-sanitario dos produtos do mar.
- Imprescindible traer calzado cómodo e non esvaradío.