XOVES 12 NOVEMBRO
Conferencia: Naturalistas, nobres e fósiles: a antesala da selección natural
Entre a publicación do Systema Naturae de Linneo, en 1735, e A orixe das especies de Darwin, en 1859, produciuse unha profunda transformación do pensamento biolóxico. A conferencia percorrerá as achegas de figuras como Linneo, Buffon, Lamarck ou Cuvier e o contexto científico e intelectual sobre o que Wallace e Darwin formularon finalmente a teoría da selección natural.
Conferenciante: MARCOS ANDRÉS GONZÁLEZ GONZÁLEZ
Doutorouse (1983) en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), con premio extraordinario. É Catedrático de Zooloxía da USC e desde 2024 Profesor Emérito desta Universidade. Foi director do Museo de Historia Natural da USC (2017-2024), subdirector da “Estación Hidrobiolóxica Encoro do Con" da USC e director da revista "Nova Acta Científica Compostelá (Bioloxía)". Desde 2019 forma parte da comisión de expertos da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN).
Desenvolveu a súa actividade investigadora nos campos da Entomoloxía e Hidrobioloxía, centrada principalmente en estudos de biodiversidade e conservación dos Tricópteros ibéricos e europeos, e na bioloxía e ecoloxía dos invertebrados acuáticos. Participou en 40 proxectos e contratos de investigación básica e aplicada e ten publicado 5 libros, 30 capítulos de libros e 190 artigos de investigación. Alén doutras moitas outras actividades de investigación (congresos científicos, direccións de teses…) participou nunha infinidade de actividades de divulgación científica (conferencias, cursos por invitación, comisariados de exposicións…).
VENRES 13 NOVEMBRO
Conferencia: Exploración tripulada da última fronteira do noso planeta: descenso a fosa das Marianas
Como podemos levar a exploración do océano profundo ás aulas? Convidamos ao profesorado a descubrir como unha inmersión pode espertar preguntas e abrir camiños para ensinar ciencias. A presión e a flotabilidade achegan exemplos para a física; os mapas do fondo mariño, para a xeografía; a historia das expedicións axuda a comprender como avanzou o coñecemento; e o estudo da vida nas profundidades ofrece unha oportunidade para traballar a protección ambiental. A charla tamén mostrará como estas experiencias poden espertar no alumnado vocacións en ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (STEM).
Conferenciante: HÉCTOR SALVADOR FOUZ
Héctor Salvador é un enxeñeiro aeronáutico e piloto de somerxibles galego, natural de Lugo. En 2021 converteuse no primeiro español en descender á fosa das marianas, nunha expedición ao Abismo da Sirena. A súa traxectoria na exploración submarina foi recoñecida coa Gran Cruz do Mérito Naval con distintivo branco.
Conferencia: Marvel e a aperta do escutoide
Que teñen en común a xeometría, a formación dos nosos órganos e o universo dos superheroes? A resposta ten unha forma moi orixinal e chámase escutoide. Nesta charla viaxaremos ao ano 2018, o momento no que, intentando entender como se empaquetan as nosas células epiteliais, topámonos cunha sorpresa marabillosa: á natureza non lle bastaban as figuras xeométricas que viñan nos libros de texto clásicos. Descubriremos como unha peculiar figura tridimensional permite ás nosas células entrelazarse e darse un verdadeiro “abrazo” topolóxico, garantindo a estabilidade, a selaxe e a flexibilidade dos nosos órganos. Repasaremos a incrible aventura mediática que veu tras o descubrimento do escutoide, vendo como un descubrimento nado da pura intersección entre a bioloxía e as matemáticas volveuse tan viral que acabou saltando á cultura pop e coándose, literalmente, nas páxinas dos cómics de Marvel.
Conferenciante: CLARA ISABEL GRIMA RUÍZ
Clara Grima é doutora en Matemáticas e profesora titular de Matemática Aplicada na Universidade de Sevilla, onde centra a súa investigación na Xeometría Computacional e a Teoría de Grafos. Desde 2010 compaxina o seu labor académico cunha intensa traxectoria na divulgación científica, achegando as matemáticas ao gran público a través de múltiples formatos. Foi presentadora do programa “Unha matemática vén verche” (RTVE) e é colaboradora habitual en medios como RNE, a SER e Onda Cero. Ademais, é autora de varios libros de divulgación que traspasaron fronteiras, sendo traducidos a idiomas como o francés, italiano, checo, húngaro, coreano e chinés. A súa capacidade para comunicar a ciencia valeulle numerosos recoñecementos. En 2024 foi galardoada cunha medalla da Real Sociedade Matemática Española (RSME) polo seu extraordinario labor divulgativo. A nivel internacional, o seu impacto é indubidable: foi a segunda muller española na historia invitada ao Congreso Internacional de Matemáticas (ICM) e unha das 12 figuras elixidas a nivel global pola UNESCO para celebrar o primeiro Día Mundial das Matemáticas. Reforzando este prestixio internacional, forma parte do comité de selección do Premio Leelavati da Unión Matemática Internacional (IMU), o galardón máis importante do mundo no ámbito da divulgación matemática. Máis aló dos escenarios estritamente académicos, atesoura distincións moi significativas. Foi nomeada Coriana do Ano en 2018 pola súa localidade natal, Coria del Río, e ostenta as Medallas de Oro tanto da cidade (2021) como da provincia de Sevilla (2022). A revista Forbes incluíuna na súa lista das 22 persoas que cambiarían o ano 2022, e foi unha das tres primeiras científicas españolas —xunto a Margarita Salas e Ángela Ruiz Robles— en ilustrar as carcasas das calculadoras científicas da firma CASIO. Con todo, admite que unha das cousas que máis ilusión lle fai é que, desde abril de 2023, unha praza de Sevilla leva o seu nome. Con centos de charlas impartidas ao ano, Clara segue traballando día a día movida por unha firme convicción: a todo o mundo gústanlle as matemáticas, aínda que algúns aínda non o saiban.
SÁBADO 14 NOVEMBRO
Conferencia: A importancia da multidisciplinariedade na ciencia moderna
Conferenciante: LUIS LIZ MARZÁN
Luis Liz Marzán é doutor en química pola Universidade de Santiago de Compostela. Tras unha estadía posdoutoral na Universidade de Utrecht, incorporouse á Universidade de Vigo, na que chegou a ser catedrático en 2006. En 2012 foi contratado coma Profesor de Investigación Ikerbasque no Centro de Investigación Cooperativa en Biomateriais (CIC biomaGUNE), do que tamén foi Director Científico entre 2013 e 2021. Tamén é Catedrático a tempo parcial na Universidade de Vigo e Líder de Grupo no Centro de Investigación en Red de Bioinginiería, Biomateriales y Nanomedicina (CIBER-BBN). A súa investigación abarca dende a síntese coloidal de nanomateriais ata as súas aplicacións biomédicas.