Estimadas socias e estimados socios, compañeiras e compañeiros no ensino das ciencias:
Os días 12, 13 e 14 de novembro celebraremos unha nova edición do Congreso de ENCIGA, que chega xa á súa XXXIX edición. Nesta ocasión teremos a oportunidade de reunirnos na cidade de Lugo, tendo como sede o IES Lucus Augusti, o instituto decano de Galicia.
Este centro histórico e emblemático, símbolo da tradición educativa galega e referente do ensino público, constitúe un marco excepcional para acoller un encontro que, ano tras ano, reúne a profesorado comprometido coa mellora do ensino das ciencias.
Como en todas as edicións de ENCIGA, o Congreso será un espazo de formación, reflexión e intercambio de experiencias educativas. Conferencias, comunicacións, obradoiros e exposicións permitirannos coñecer novas propostas didácticas, compartir boas prácticas e seguir fortalecendo unha comunidade docente implicada cunha educación científica de calidade.
Queremos convidar tanto ás persoas socias como a todas aquelas que, sen formar parte de ENCIGA, compartides o interese pola educación científica. O Congreso está aberto a todo o profesorado e constitúe unha excelente oportunidade para coñecer o labor da asociación e incorporarse a este proxecto colectivo.
Animámosvos, tamén, a presentar o voso traballo a través de comunicacións, obradoiros ou calquera outra proposta didáctica que desexedes compartir. O valor do Congreso reside, precisamente, nas achegas das persoas participantes, que fan posible que cada edición sexa un encontro vivo de aprendizaxe e colaboración.
Será unha enorme satisfacción recibirvos en Lugo para desfrutar de tres días de ciencia, aprendizaxe, convivencia e reencontros entre persoas que compartimos a mesma vocación pola docencia e pola divulgación científica.
Lugo ofreceranos, tamén, un escenario excepcional. Fundada polos romanos no ano 25 a. C., a cidade conserva un extraordinario patrimonio histórico presidido pola súa impresionante muralla romana, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e única no mundo por conservar íntegro todo o seu perímetro, que poderemos percorrer se o tempo acompaña.
Moi preto da sede do Congreso, as persoas asistentes poderán descubrir a riqueza patrimonial da cidade paseando polo seu casco histórico e, tamén, achegándose á contorna natural do río Miño, parte esencial da identidade lucense. E, ao percorrer a Rúa Nova, a Praza do Campo ou o Campo Castelo, poderán gozar dunha das tradicións máis representativas de Lugo: compartir un bo viño da terra acompañado dunha tapa que, como manda o costume, adoita ofrecerse de balde.
Toda a información relativa aos formatos de participación, aos prazos de presentación de traballos e á inscrición estará dispoñible na páxina web de ENCIGA, www.enciga.org.
Desde Lugo, e moi especialmente desde o equipo organizador do IES Lucus Augusti, queremos darvos a máis cordial benvida. Traballamos con entusiasmo e ilusión para ofrecer un congreso enriquecedor, participativo e acolledor, no que a ciencia, a educación e a convivencia sexan, unha vez máis, as verdadeiras protagonistas.
Agardámosvos os días 12, 13 e 14 de novembro no XXXIX Congreso de ENCIGA. CONTAMOS CON VÓS!
O comité organizador do IES Lucus Augusti