Lugar de celebración
Datas
Comité organizador do XXVI Congreso de ENCIGA:
Correo web para o Congreso: congreso26@enciga.org
O formulario de inscrición está dispoñible aquí. |
Carta de presentación
Benqueridos compañeiros e compañeiras:
ENCIGA leva xa un longo percorrido a prol da ciencia e a súa didáctica. Pero facendo nosa a frase de Marie Curie quen afirmaba que “nunca te decatas do que xa fixeches, só podes ver que queda por facer”, acometemos con especial entusiasmo o reto de celebrar no IES “E. Blanco Amor” de Ourense, o XXVI Congreso de ENCIGA os días 21, 22 e 23 de novembro de 2013. Temos a intención de facer posible o coñecido lema de Fenelón: “Docere, movere et delectare”, (aprender, motivar e desfrutar).
Para que sexa posible este novo encontro da nosa asociación e co ánimo de dar un novo pulo ao evento, estamos xa a traballar os vosos compañeiros de Ourense. Facémolo con especial ilusión, porque había xa vinte longos anos que non se celebraba o noso Congreso na cidade das Burgas.
Queremos tamén darvos a coñecer a Ourense polas cousas positivas que ten e que habitualmente non saen nos medios de comunicación, o seu patrimonio, o parque tecnolóxico, os polígonos industrias, etc. Ourense, cun belísimo casco vello cheo de monumentos históricos de primeiro nivel, é a capital termal de Galicia, contando con varias termas ao carón do río Miño, (Chabasqueira, Outariz,..) que sorprenderán a quen as visite (é aconsellable traer traxe de baño!). A nosa xente, a nosa gastronomía e mailos nosos viños, (Ribeiro, Valdeorras, Monterrey, Ribeira Sacra), farán o resto no que atinxe a asegurar un marco axeitado. Vindo a Ourense, estamos seguros de que quedaredes gratamente sorprendidos.
Dicía J. R. Oppenheimer que “un científico debe tomarse a liberdade de formular calquera cuestión e de atreverse a comprobar calquera afirmación”. Invitámosvos a que comprobedes e experimentedes de primeira man que a nosa cidade ofrece un marco axeitado para o encontro entre compañeiros e vellos coñecidos con motivo deste novo Congreso.
Para inscribirvos e para coñecer o formato de presentación e condicións de participación, podedes visitar a páxina web de ENCIGA, www.enciga.org, no apartado do XXVI Congreso.
Sabemos todos que o Congreso, aínda que animado nesta ocasión dende Ourense, é algo que facemos todos coa nosa participación activa. Invitámosvos, por tanto, a enviar os vosos traballos ao enderezo congreso26@enciga.org ( o resumo antes do 18 de Outubro e a ponencia completa antes do 25 de Outubro)
Ata novembro. Recibide un cordial saúdo dos coordinadores do XXVI Congreso de ENCIGA
IES “Eduardo Blanco Amor”
R/Vicente Risco 13
32003 Ourense
Tf.: 988 21 98 43 Fax: 988 21 98 45
www.edu.xunta.es/centros/ieseduardoblancoamor
ies.blanco.amor.ourense@edu.xunta.es
Contidos do Congreso
Actividades
No congreso desenvolveranse as seguintes actividades:
- Conferencias
- Comunicacións
- Comunicacións en cartel
- Obradoiros
- Exposicións e mostra de materiais
- Debates
- Visitas e actos sociais
Temas
Os temas que suxerimos para a presentación de traballos, sen carácter excluínte, son:
- Experiencias didácticas
- Actividades de investigación-acción
- Experiencias interdisciplinares
- Tratamento de contidos transversais
- Avaliación
- Estratexias metodolóxicas
- Desenvolvemento curricular
- Materiais curriculares
- Recursos multimedia
- Aquel tema que prefiras, porque xamais sobrará o que nos queiras contar