VISITA 1.- LUGO PATRIMONIAL
Guido Guía realizará unha visita guiada de exteriores polo centro histórico de Lugo, cun percorrido que permitirá coñecer algúns dos principais espazos patrimoniais da cidade. O itinerario incluirá a Muralla Romana, os exteriores da Catedral de Santa María, así como diferentes prazas, rúas senlleiras, contornas históricas e espazos verdes que forman parte da evolución urbana de Lugo.
Durante o percorrido ofreceranse explicacións sobre a orixe, a función e a transformación destes lugares ao longo do tempo, relacionando o patrimonio coa historia da cidade e co seu desenvolvemento. A visita está concibida como un paseo interpretativo que combina o desprazamento entre os distintos puntos de interese coa contextualización histórica e cultural de cada espazo.
O roteiro completarase con visitas guiadas ao Museo Provincial de Lugo, declarado Ben de Interese Cultural desde 1962, e á Domus do Mitreo, unha antiga domus romana e un espazo de culto relixioso (un mitreo privado), pertencente á USC.
Aclaración: Recomendacións para a visita á Domus do Mitreo: https://adomusdomitreo.com/gl/servizos-do-museo-e-recomendacions/
Indicar en observacións da inscrición se a persoa ten mobilidade reducida ou outras necesidades.
VISITA 2.- INNOVACIÓN E INVESTIGACIÓN DESDE A UNIVERSIDADE E A INDUSTRIA
Nesta visita coñeceremos un centro de referencia do campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA), e unha compañía galega do sector biotecnolóxico, AMSLab, que conta con laboratorios equipados con tecnoloxía de última xeración.
A actividade da Aula de Produtos Lácteos da USC fundaméntase na innovación, na investigación e no desenvolvemento de produtos lácteos e outros alimentos, e compleméntase con outros servizos clave como a formación (presencial ou a distancia) e a asistencia técnica a empresas ou análises de alimentos, entre outros.Dispón dunha das plantas piloto para a industria láctea e alimentaria máis completas de Europa, dotada dunhas instalacións e medios técnicos que permiten reproducir os procesos industriais máis representativos destas industrias.
AMSLab é un grupo de empresas biotecnolóxicas que ofrece servizos analíticos de control de calidade e investigación, fabricación e desenvolvemento de produtos no sector agroalimentario, veterinario, industria farmacéutica e saúde, baixo unha visión One Health. Actualmente os produtos desenvolvidos por esta empresa lucense están presentes en máis de 40 países de todo o mundo.
VISITA 3.- PATRIMONIO E INDUSTRIA NO ENTORNO DE LUGO
Nesta visita coñeceremos un xacemento representativo do noso pasado galaico-romano, o conxunto arqueolóxico e museístico de Viladonga, e unha empresa punteira no sector lácteo, Quescrem, na zona da Terra Chá.
O Castro de Viladonga, declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia no ano 2009, destaca na paisaxe da Terra Chá lucense. Situado no concello de Castro de Rei, trátase dun asentamento moi importante para o coñecemento, o estudo e a comprensión do mundo castrexo trala conquista romana.
O museo, aberto ao público desde 1986, dedícase á interpretación e explicación do xacemento e á custodia e exposición dos materiais procedentes das sucesivas escavacións.
Quescrem nace no ano 2006 por iniciativa dun grupo de persoas vencelladas coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través do compromiso das persoas socias co sector lácteo galego para demostrar que, desde a innovación, a internacionalización e a sostibilidade pódense xerar iniciativas que dinamicen o sector en Galicia.
A compañía, creadora do primeiro mascarpone galego, leva anos sendo un referente na innovación culinaria, mantendo o seu crecemento dentro e fóra das nosas fronteiras.
VISITA 4.- CENTRO INTERPRETACIÓN TERRAS DO MIÑO, HORTOS URBANOS E EXPOSICIÓN SOBRE ALFRED RUSSEL WALLACE
Esta visita divídese en dúas partes. A primeira enmárcase dentro da Reserva da Biosfera Terras de Miño, primeira declarada en Galicia pola UNESCO no ano 2002.
Comezaremos indo a visitar o Centro de Interpretación Terras do Miño, situado nunha casa muíño do século XIX coñecida antigamente como “muíño do Tendeiro”, no cal achegarémonos ao patrimonio natural e etnográfico da zona que poderemos observar ao desprazarnos pola reserva. Moi preto do centro de interpretación, farase unha visita guiada aos hortos urbanos situados a carón do río Rato. Trátase dun percorrido agradable e de dificultade baixa.
Na segunda parte da visita, visitarase a exposición “Wallace e a orixe das expecies”, no Museo Interactivo da Historia de Lugo, dedicada á figura de Alfred Russel Wallace, o outro pai da teoría da evolución, cuxas exploracións e descubrimentos cambiaron para sempre a nosa forma de entender a vida na Terra.
Aclaración: Recoméndase levar roupa e calzado cómodo para camiñar polo paseo á beira do río e, aínda que parte da visita é en espazos interiores, estar pendente das condicións meteorolóxicas por se se precisara chuvasqueiro, paraugas…