CONFERENCIANTES XXXIV CONGRESO DE ENCIGA
Sábado, 13 de novembro, 10h Conferencia: Cien años de Investigación en la Mision Biológica de Galicia Conferenciante: Elena Cartea |
A súa carreira investigadora céntrase na mellora xenética de brásicas hortícolas e iníciase coa realización da súa Tese de Doutoramento na Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), no ano 1992. Logo dunha estadía postdoutoral, incorporouse en 1997 á MBG como Investigadora contratada ata agosto de 2000, no que tomou posesión como Científica Titular, momento no que se crea un novo grupo de investigación centrado na xenética e mellora de brásicas, baixo a súa responsabilidade.
A súa achega particular consistiu na posta en marcha de novas liñas de investigación e en consolidar o actual grupo de Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas da MBG.
Leva a cabo dúas liñas de investigación, unha centrada na resistencia a pragas nos cultivos e unha segunda relacionada coa calidade nutricional baseada no estudo de compostos bioactivos (glucosinolatos e outros metabolitos secundarios), relevantes polas súas propiedades beneficiosas para a saúde, incluíndo o estudo das propiedades anticanceríxenas dos glucosinolatos en cancro de próstata e de mama.
Publicou máis de 100 artigos de investigación en revistas internacionais e nacionais de alto prestixio, ademais de libros e capítulos de libros, e máis de 50 achegas en congresos e revistas de divulgación. Participou en 43 proxectos de investigación nacionais e internacionais, sendo a investigadora principal en 22 e en 12 contratos con empresas e administracións públicas. Presenta 5 patentes en forma de rexistros varietais de variedades de diferentes cultivos de berza, repolo, col asa de cántaro, grelos, nabizas e nabicol.
Participou activamente en programas de divulgación e na formación de persoal investigador e técnico. Desenvolveu funcións de xestión da investigación como experta en ciencias agroalimentarias e xenética en diferentes comisións do Ministerio de Ciencia e Innovación e da Junta de Andalucía. Impartiu aulas en 6 programas de doutorado da USC e da Uvigo, dirixiu Teses Doutorais e supervisou proxectos fin de carreira e traballos de Grao e Fin de Mestrado.
Actualmente imparte docencia no Mestrado Universitario en Xenómica e Xenética da USC e da Uvigo na materia ‘Compostos bioactivos en plantas e a súa xenética’.
Desde 2011 a 2015 foi vicedirectora da Misión Biolóxica de Galicia e desde xuño de 2015 é a directora deste centro de investigación.
Sábado, 13 de novembro, 17h Conferencia: Cuestións clave na economía do cambio climático Conferenciante: María Luz Loureiro García |
Catedrática de Economía, dende o 2017, na Universidade de Santiago de Compostela no Departamento de Fundamentos da Análise Económica, no que desenvolve un labor de investigación vinculado á Educación Ambiental. A súa actividade investigadora está centrada na economía da enerxía, a economía ambiental e a economía agrícola, da cal derivan máis dun cento de artigos dos que é autora e coautora. Na actualidade, é a IP do grupo de investigación ECO-IURIS da USC, e tamén é IP dun proxecto en curso titulado “Economía do cambio climático: vulnerabilidade e políticas de adaptación e mitigación en España”, financiado pola Axencia Estatal de Investigación (2020-2024).
Ten participado como experta na análise económica dos problemas ambientais ocorridos en Galicia, como a catástrofe do Prestige, no 2002, ou os incendios forestais do 2006.
Sábado, 27 de novembro, 10h Conferencia: A ciencia contra a desinformación Conferenciante: Deborah Garía Bello |
Química, investigadora e divulgadora científica. Investiga ciencia de materiais no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade de A Coruña. Traballa como divulgadora científica en varios medios de comunicación: Televisión Española (Órbita Laika e La hora de la 1), La Sexta (Más vale tarde), Televisión de Galicia (Quen anda aí? e Aquelando), Radio Nacional (autora del espacio Azul Ultramar) e Radio Galega (Galicia por diante e Efervesciencia).
É comisaria da gran exposición «Galicia Futura» sobre ciencia e arte da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura. Ademais é autora da columna semanal «Ciencia aparte» en El Muro de La Sexta e presentadora do podcast Hola Planeta sobre tecnoloxía e sostenibilidade de Orange. Forma parte do equipo de formación e transferencia científica dos laboratorios do Grupo L’Oréal: La Roche Posay e L’Oréal París. Ten publicado os libros «Todo es cuestión de química», «Que se le van las vitaminas» e «No tocar» na Editorial Paidós.
Recibiu numerosos galardóns, como os Premios Bitácoras, Prisma e Tesla, entre outros. En 2019 foi elixida pola revista Forbes como unha das persoas máis influíntes na comunicación científica.
Recentemente foi seleccionada como unha das 10 Top Voices por LinkedIn e unha das tres mellores divulgadoras científicas en redes sociais nos Premios Boehringer.
Sábado, 27 de novembro, 16h Conferencia: Epidemias por coronavirus humanos altamente patógenos para las Conferenciante: Luis Enjuanes |
Luis Enjuanes traballou no campo da viroloxía durante máis de 40 anos, incluíndo máis de 35 anos en coronavirus. O seu interese actual é o estudo dos mecanismos de replicación, transcrición, virulencia e interacción virus-hóspede dos coronavirus. Ten publicado máis de 235 artigos en revistas internacionais e 58 capítulos de libros. Actualmente é Profesor de Investigación e Xefe do Laboratorio de Coronavirus no Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC.
Enjuanes foi “Fogarty Visiting Fellow” nos Institutos Nacionais de Saúde (NIH) en EE UU, e Científico Visitante no Centro de Investigacións sobre o Cancro (FCRC) dos Institutos Nacionais de EE UU (NIH). Foi Editor-en-Xefe de Virus Research.
É profesor de Viroloxía da Universidade Autónoma de Madrid e do Instituto Pasteur de París. Foi nomeado “Virólogo Senior Distinguido” pola Sociedade Española de Viroloxía; Académico da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais; e Académico da Academia Norteamericana de Microbioloxía. Recibiu a medalla ao Mérito na Investigación e na Educación Universitaria concedida polo Ministerio de Ciencia e Innovación. No ano 2021, Enjuanes foi nomeado membro Internacional da Academia Nacional de Ciencias de EE UU (NAS).
É “Expert Consultant” dos NIH e da Organización Mundial da Saúde.
Sábado, 27 de novembro, 18h Conferencia: Monólogo científico-matemático Conferenciante: VÍCTOR MANERO GARCÍA |
Licenciouse en Matemáticas pola Universidade de Zaragoza e acadou o doutorado nesa mesma disciplina pola Universidade do País Vasco. Na actualidade é profesor contratado doutor interino na área de Didáctica das Matemáticas da Universidade de Zaragoza, área na que tamén desenvolve a súa investigación, ademais de traballar en Xeometría Diferencial.
É autor de varios artigos en revistas de ámbito internacional e ten participado en numerosos congresos, cursos e seminarios.
Ademais do seu labor docente, ten un papel moi activo como divulgador das matemáticas, impartindo charlas en centros educativos e on-line. Divulga ciencia a través de twitter e colabora con diferentes medios de comunicación, entre eles o Diario ABC, na sección ABCdario de Matemáticas.
Desde 2020 é membro da comisión de Divulgación da Real Sociedade Matemática Española e foi recentemente galardoado co Terceiro Premio do certame de monólogos científicos Famelab España 2020 polo monólogo “To bet or not to bet”.