Congresos Enciga

Oradores Invitados

CONFERENCIANTES XXXII CONGRESO DE ENCIGA


Xoves 14 novembro

Conferencia: TEN VIDA A TÁBOA PERIÓDICA?

Conferenciante: MANUEL RAFAEL BERMEJO PATIÑO

Catedrático emérito no Departamento de Química Inorgánica na Universidade de Santiago de Compostela. Desempeñou diversos cargos de dirección nesta universidade: director do Instituto de Ciencias da Educación, director do Departamento de Química Inorgánica e presidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia. En 1993 foi investigador invitado na University of Manchester, Institute of Science and Technology (UMIST, Reino Unido), traballando en Fotosíntese Artificial. Froito desa colaboración realizáronse diversas estadías de investigación e numerosas publicacións de alto índice de impacto.

A súa actividade científica dou lugar a uns 300 artigos e unha patente; e ao redor de 400 participacións e publicacións en congresos nacionais e internacionais, en moitos deles como conferenciante invitado. Participou en 26 proxectos de investigación competitivos autonómicos, nacionais e internacionais; foi investigador principal en 21 deles. Foi o investigador responsable de 10 convenios de I+D con empresas e administracións públicas. Dirixiu 19 teses de doutoramento e participou na organización de numerosas actividades de investigación nacionais e internacionais.

É membro das Sociedades Internacionais “American Chemical Society” e “New York Academy of Science”, das Sociedades Nacionais “Real Sociedad Española de Química”; “Asociación Española de Bioinorgánica” e do colectivo de “Enseñanza de las Ciencias”. Tamén foi membro do Consello da Cultura Galega, vicepresidente de Enciga (Ensinantes de Ciencias de Galicia) e Director do Taller de Educación Ambiental do Instituto de Ciencias da Educación da USC.

Na actualidade a súa investigación está centrada en Helicatos Funcionais para aplicación en catálise, nanotecnoloxía e biomedicina, así como en Catalizadores biomiméticos que poden simular a reactividade dos encimas naturais e protexer aos organismos contra o estrés oxidativo.

Ademais, traballa sobre Historia da Ciencia en Galicia, Patrimonio Histórico-Científico Galego e Mulleres e Ciencia. Publicou e/ou coordinou 20 libros de temas de Ciencia e de Divulgación científica e máis de 45 traballos pedagóxico-didácticos. Organizou e actuou como Comisario Científico de numerosas Exposicións sobre Ciencia e de recuperación do patrimonio científico-tecnolóxico. Tamén foi o impulsor da organización de Semanas da Ciencia.

 


Venres 15 de novembro

Conferencia: GALICIA, UN PARAÍSO XEOLÓXICO

Conferenciante: JOSÉ FRANCISCO CANOSA MARTÍNEZ

Licenciado en Xeoloxía pola Universidade de Salamanca (2007), Máster en Recursos Xeolóxicos e Xeotecnia (Universidade de Oviedo, 2009) e Doutor en Xeoloxía pola Universidade de Oviedo (2014). Ten unha ampla formación complementaria e experiencia profesional como conferenciante e docente. Impartiu aulas no grao e na licenciatura en Xeoloxía e na Enxeñería xeolóxica na Universidade de Oviedo entre o 2010 e o 2012.

Foi docente e conferenciante en numerosos cursos e xornadas organizadas por diferentes entidades, tanto do ámbito galego como do estatal. 

Participou no estudo xeolóxico sobre minerais industriais en Galiza. Inventario de indicios y reservas para Pasek España S.A. (2014); na realización da cartografía xeolóxica e inventario de lugares de interese xeolóxico da costa cantábrica galega (Universidade de Santiago de Compostela, 2015) e no estudo e catalogación da colección xeológica histórica do IES Eusebio da Guarda (A Coruña, 2016).

Entre os anos 2016 e 2019 foi coordinador e guía-xeólogo das “Xeorutas de Burela”, “Xeorutas de Cedeira” e “Xeorutas de Moeche, contratado polos respectivos concellos.  

Tamén, nese mesmo período, foi docente en distintas rutas xeolóxicas polos concellos de A Fonsagrada, Cariño, Foz, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño.

Desenvolveu e impartiu docencia no programa divulgatico “Descubrindo as rochas que pisas. Cursos 2017-2018 e curso 2018-2019”, organizados pola AEPECT-Galicia.

Nos últimos anos participou, tamén, como docente en diferentes cursos formativos organizados polos Centros de Formación e Recursos.

Levou a cabo a investigación xeolóxica na mina Conchitina (O Vicedo, Lugo). Cuarzos industriales, S.A.

Actualmente está contratado como xeólogo freelance.

 


Sábado 16 de novembro

Conferencia: A CIENCIA DOS ESQUELETOS: XANELAS AO PASADO

Conferenciante: OLALLA LÓPEZ COSTAS

Antropóloga física e osteoarqueóloga. Especialista en reconstruír as condicións da vida no pasado e a relación dos humanos co ambiente. Actualmente é a coordinadora do grupo de investigación EcoPast da Universidade de Compostela. Cun currículo multidisciplinar exemplo da chamada arqueoloxía científica moderna que a levou a traballar con esqueletos e outros vestixios arqueolóxicos sendo licenciada en Bioloxía e cun máster e doutoramento en Antropoloxía Física e Forense na prestixiosa facultade de Medicina de Granada. Desenvolveu a súa investigación entre Galicia, Reino Unido e Suecia. Docente e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade de Estocolmo, está a dirixir cinco teses de doutoramento. Ten máis dunha trintena de artigos en revistas internacionais e ven de coordinar o primeiro volume sobre reconstrución da dieta na Península Ibérica en base a isótopos estables.

Nacida en Vigo, leva case vinte anos traballando en escavacións de necrópoles dende do Neolítico ata a Idade Moderna por toda Europa.