Congresos Enciga

Oradores invitados ao XXX Congreso de ENCIGA

Augas termais en Galicia

José Ramón Seara Valero

Profesor Titular de  E.U. de la Universidad de Vigo y miembro del Dpto. de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio
(Currículo)

A abundancia de augas termais en Galicia despertou dende sempre a fascinación humana para conecer a súa orixe e aproveitar as súas virtudes medicinais. Sobre elas teceuse unha vasta colección de lendas onde o natural e o mito conxúganse dun modo tan belo que endexamais deixaron de transmitirse ao longo de innumerables xeneracións.

Sen embargo estas augas non deixan de ser unha manifestación, quizais unha das máis amables, da vida interior do noso planeta e s el, as súas leis e circunstancias, obedece a súa xénese, o xurdimento e as súas calidades.

Así, nesta conferencia falaremos de aspectos tan variados do termalismo en Galicia, como a distribución xeográfica peculiar das súas fontes, a evolución histórica dos seus coñecementos e uso, así como a enumeración dalgunhas das súas principais propiedades (temperatura de xurdimento e do almacén profundo, hidroquímica, taxa de fluxo, etc.). Aquí se van expoñer algunhas hipóteses sobre a orixe última das súas augas, as causas do quecemento, a posible xeometría dos acuíferos e os requisitos para que finalmente xurdan tras unha longa viaxe a través das rochas aparentemente impermeables que compoñen o solo galego. Finalmente deterase brevemente nas causas da súa abundancia en Galicia, os métodos de prospección que se utilizaron para o seu estudo nalgúns proxectos, a súa capacidade para dedicalas para usos diferentes e, por suposto, avisar das dificultades da súa recuperación se son agredidas polo home.

 


 

FÍSICA: A SIMETRÍA E OUTRAS HISTORIAS.

Ramón Cid Manzano

 Catedrático de Física e Química no IES de Sar (Santiago de Compostela)
Profesor Asociado – Departamento de Didácticas Aplicadas (USC)
(Currículo)

Ao longo de toda a historia da ciencia os homes e mulleres adicados a ela coincidiron en se esforzar por atopar regras precisas no aparente caos existente ao noso arredor, por illar patróns de comportamento nos fenómenos naturais, e, en definitiva, por procurar unha orde profunda na beleza da natureza.

Este foi o principio de acción presente desde Platón, Demócrito, Pitágoras, Aristóteles ou Ptolomeo, pasando por Copérnico, Kepler, Galileo e Newton, para chegar a Maxwell, Einstein, Noether, Dirac ou Feynman. En todos eles aparece, en maior ou menor medida, a asunción de que o universo está gobernado por unha serie de principios baseados na harmonía, o equilibrio, a proporción e a economía, como sinala Frank Wilczek no seu libro O mundo como obra de arte, de 2016.

Dentro desa beleza na natureza hai unha serie de aspectos xustapostos entre os que destacan as simetrías internas. Así, peixes, mamíferos, insectos ou follas presentan unha clara simetría bilateral; estruturas simétricas podemos atopalas nos seres vivos, desde os virus ás plantas coa súa filotaxe, desde as algas diatomeas aos grandes mamíferos. Tamén na enxeñería biolóxica vemos claros exemplos desta ansia pola simetría: o caso das abellas buscando as flores máis simétricas ou construíndo as colmeas, ou as incribles figuras realizadas no fondo do mar por unha especie de peixe globo para seducir ás femias.

Quizais as simetrías sexan un motor evolutivo, pois a fin de contas, o carbono, átomo central para os sistemas vivos, presenta unha exquisita simetría tetraédrica.

Con todo, debemos recoñecer que as simetrías nos seres vivos non acadan a perfección xeométrica da materia inerte. As estruturas cristalinas, como o caso do diamante ou a formacións de extraordinaria regularidade nas folerpas de neve son claros exemplos disto. E aínda máis, as incribles formacións fractais que desde formacións das nubes, pasando polos debuxos dos lóstregos e as plumas dos pavos reais, que nos regala a natureza son outro xeito de nos sinalar o camiño.

Pero, sen que a simetría, a proporción e a harmonía perdan un ápice do seu protagonismo, hai outro trazo fundamental no devir dos procesos naturais: a fuxida do equilibro permanente, do estático. Pequenos cambios nas condicións ambientais xeran enormes transformacións nas estruturas xeolóxicas; mutacións espontáneas dan lugar a variacións xenéticas profundas, ou desde o embrión indiferenciado aparecen formacións celulares asimétricas que dan lugar a tecidos e a órganos.

Hai, pois unha delicada mestura entre o equilibrio baseado no imperio da simetría subxacente e os cambios que suceden cando se producen roturas espontáneas desas simetrías. Nas descricións da natureza que atopamos desde a Física ocorre exactamente isto, e os grandes logros científicos están protagonizados desde a comprensión dese delicado equilibrio.

E todo isto atrapado no que Eugene Wigner, en 1960, denominou como “a irrazoable eficacia da matemática nas ciencias naturais”. Máis atrevido é aínda o cosmólogo Max Tegmark, quen non dubida en afirmar que “a física é tan exitosamente descrita pola matemática porque o mundo físico é completamente matemático e isomórfico a una estrutura matemática”.

Como dixo Platón, non veremos a idea de beleza na natureza se non temos ollos para vela. E eses ollos precisan dun alento que provén da harmonía, o equilibrio, a proporción e a economía.

 


 

As abellas, algo máis que mel

Suso Asorey

Socio fundador de AGA (Asociación Galega de Apicultura) e da cooperativa Erica Mel
(Currículo)

As abellas ademais de producir mel e outros produtos son esenciais para a vida na terra: A polinización a biodiversidade e o produción de alimentos dependen en boa medida da presenza de abellas nos nosos campos.

Nos derradeiros 30 anos deuse unha transformación nas condicións de vida destes insectos sociais que os está pondo en perigo con imprevisibles consecuencias.

Especies exóticas invasoras, pesticidas, incendios forestais e cambio climático son algúns dos factores que imos examinar nesta charla.

Poñer remedio a esta situación esixe unha concienciación social que obrigue aos nosos gobernantes a poñer a ecoloxía, medio ambiente e produción agraria na axenda política dun xeito real e non só cosmético.