Novas Enciga

Xeolodía 2014

Este ano o Xeolodía da provincia de Pontevedra está dedicado ao granito, un dos recursos naturais galegos por excelencia. Toda a xornada celébrase nunha área, O Porriño, cuxa actividade económica baséase na explotación desta rocha e que, con todo, conserva afloramentos naturais de granito de beleza singular.

A actividade consistirá nun percorrido de catro paradas, co obxecto de explicar ao público en xeral o contexto xeolóxico do granito: orixe, formación, variedades e características especiais, así como a súa explotación e procesado, encadrando esta explicación dentro dun contexto xeral no que se explicase dunha forma distendida e divulgativa a importancia da Xeoloxía para comprender a nosa contorna próxima.

É un itinerario con catro paradas (ver díptico adxunto) nas cales profesorado da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas e o Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Universidade de Vigo explicará os contidos relacionados.

Na organización local colaboran a Asociación de Oceanógrafos de Galicia e a Sociedade Mineralógica Galega, ambos os grupos ligados tamén á Universidade de Vigo. Así como o inestimable apoio da empresa Blokdegal, Cluster do Granito e Fundación-Centro Tecnolóxico do Granito, así como o patrocinio do Concello do Porriño.

A actividade é de balde e pódense apuntar, do 5 ao 8 de maio, as persoas interesadas no tlf 986 813 482 (de 10 a 14) ou no apartado correspondente da web.