Novas Enciga

Publicación do primeiro libro da Maxia da Química

O grupo “A Maxia da Química” formado por Tino Álvarez Muíña, Elena López Prada, Mercedes Neira González e Mariano Pazos Afonso ven de publicar un libro en formato dixital -primeiro dunha serie que pensan facer- no que recollen algunhas das “súas” prácticas,  moitas delas foron presentadas nos Congresos de ENCIGA. O libro leva por título, como non podería ser doutra maneira “La Magia de la Química” é  moi aproveitable para profesores de Física e Química -que é o público ao que maiormente vai dirixido-  aínda que tamén é axeitado para alumnos de Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Universitarios.

Neste primeiro libro están os guións completos das 11 prácticas que seleccionaron, ademais de aplicacións didácticas de todas elas, adecuadas a distintos niveis e, dado que está nun formato interactivo, recolle en video todas as experiencias, conta con moitas fotos, enlaces relacionados, test de autocorrección, explicacións de conceptos de química básica, un glosario e por suposto, as indicacións de seguridade que se deben ter en conta na execución no laboratorio.

Como era de esperar -vindo de quen vén- o libro é ameno aínda para os non especialistas en química.
Farán  unha “presentación oficial”  do libro nun próximo Congreso de ENCIGA, pero mentres podedes facervos cun exemplar do libro, no seguinte enlace.

Queremos felicitar ao Grupo “A Maxia da Química” -bos amigos e boas amigas- pola iniciativa de publicar parte dos seus saberes e “faceres” e animalos a que nos sigan a sorprender nos futuros Congresos de ENCIGA.  Elena, Mercedes, Mariano e Tino, noraboa e moitas gracias polo voso traballo.