Estimadas socias e estimados socios:
Probablemente vos teña chegado información polas noticias aparecidas en diferentes medios de comunicación (La Voz de Galicia, El Correo Gallego, Onda Cero, e quizáis algún outro máis) sobre un episodio de carácter docente ocurrido a un profesor de Física de 2º BAC do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.
O meollo da cuestión ten que ver cunhas reclamacións feitas polas cualificacións que este profesor ten otorgado neste curso e que son consideradas como inaceptablemente baixas por parte dalgún sector do centro educativo.
Nos días seguintes á celebración da xuntanza de avaliación, os medios de comunicación antes sinalados publicaron -mesmo algún en portada- novas sobre estes feitos cuns contidos e opinións que, pensamos, están preto do que poderíamos considerar como un linchamento moral do devandito profesor.
Varios socios de ENCIGA fixéronnos chegar o seu malestar polo inapropiado tanto das formas como do fondo, e, dado que o profesor implicado é socio de ENCIGA, querémosvos trasladar o sentido dese malestar e que se resume no seguinte:
Non entramos no fondo da cuestión, pois nin temos todos os elementos de xuízo para facermos unha clara idea dos feitos, nin é tampoco asunto sobre o que nós debamos entrar a valorar publicamente. Entendemos que son as instancias educativas as que deben entrar a xulgar eses feitos, seguindo os procedementos administrativos que sexan de aplicación no caso. Entendemos como inaceptable que -desde sectores interesados- se esté a facer un xuizo paralelo a través dos medios de comunicación co obxecto de influenciar na decision das comisións encargadas do caso, que só deberían atender a cuestións obxectivas e actuar en consecuencia.
As irregularidades deben ser obxecto de investigación e sanción polos que legalmente teñen asumida esas funcións: a inspección educativa, as comisións de revisión, etc.
Non se debe aceptar que sexan algúns medios de comunicación os que, lonxe do código deontolóxico do xornalismo, deteminen, xa de principio, cal debe ser o resultado ao que deben chegar as instancias oficiais.
O profesorado debe someterse unicamente ás normas que a lexislación vixente contempla, e se no exercicio da súa función docente comete irregularidades deberá ser obxecto tanto da revisión e xuizo dos seus actos como das sancións que procedan, pero, todo elo, unicamente polos órganos xurisdicionais que son competentes.
Se aceptamos outras prácticas alleas ao que vimos de indicar estaremos perdendo definitivamente a nosa independencia de xuízo e deberemos proceder á realización das nosas valoracións profesionais en función da presión que desde fóra podan facer sobre nós.
Un cordial saúdo
A directiva de ENCIGA