Pautas de publicación para o Boletín das Ciencias

ENFOQUE DA REVISTA 

O Boletín das Ciencias é unha revista sen ánimo de lucro, editada pola Asociación dos Ensinantes  de Ciencias de Galicia (ENCIGA). Pretende achegar a profesionais de diferentes niveis educativos  tanto investigacións de carácter pedagóxico e científico, con preferencia no eido das ciencias e  das matemáticas, como experiencias didácticas, co obxectivo de mellorar os procesos de ensino e  aprendizaxe vinculados a estas temáticas.  

A periodicidade da revista é semestral, coa excepción de números especiais para atender a  casuísticas sobrevidas, efemérides ou temáticas específicas que poidan suscitar interese especial  no ensino das ciencias e das matemáticas.  

Esta revista é de consulta aberta, estando dispoñible en formato papel (para as persoas e  institucións asociadas a ENCIGA, bibliotecas…) e en formato dixital na web de ENCIGA  (www.enciga.org). 

PAUTAS PARA AUTORES/AS 

Os traballos enviados á revista deben ser orixinais, sen ter sido publicados previamente nin en  papel nin electronicamente.  

Lingua. Deben estar escritos preferentemente en galego, aínda que por decisión editorial poderán  ser considerados traballos en español e portugués.  

Pautas de publicación 

Os traballos poden enviarse con diferentes enfoques: 

Educación científica e matemática que inclúe traballos de carácter teórico ou empírico.  Debe conter introdución, na que se enmarque o problema a investigar, fundamentación  teórica e metodolóxica, resultados, discusión e conclusión. Terán unha extensión máxima  de 45000 caracteres con espazos, táboas e figuras. 

Experiencias e materiais docentes para a educación en ciencias e matemáticas, sección  destinada á presentación e discusión de propostas didácticas que resulten novidosas. Debe conter unha xustificación da proposta e unha descrición detallada, e, de ser o caso, convén  que inclúa algunhas recomendacións para a súa execución na aula ou centros educativos.  Extensión máxima de 20000 caracteres con espazos, táboas e figuras. 

Outros: como recensións de traballos, resumos de congresos, e calquera outro traballo que  non tivese cabida nas seccións anteriores, cunha extensión máxima de 4000 caracteres con  espazos. 

Formato e maquetación 

Os orixinais deben ser remitidos en formato editable (.docx ou .otd). Todas as marxes serán de  2,5 cm.

Na medida do posible, agradecemos que os documentos, independentemente da sección á que se  envíen, presenten o seguinte formato: 

  • Título: Times New Roman, 16ptos, negriña e centrado  
  • Apelidos e nome do/a autor/a(es/as), á institución á que pertence(n) e correo-e: Times New  Roman, 9ptos, 1,15 entreliñado, alienado á esquerda 
  • Resumo, cunha extensión máxima de 1000 caracteres con espazos: Times New Roman  10ptos, 1,15 entreliñado, xustificado. Título do resumo igual, pero en negriña. 
  • 5 palabras clave: Times New Roman, 9ptos, 1,15 entreliñado. Título das palabras clave igual  pero en negriña 
  • Epígrafes de primeiro nivel: Times New Roman, 12 ptos, maiúsculas e negriña, parágrafo  6ptos antes e despois, alienado á esquerda. 
  • Epígrafes de segundo nivel: Times New Roman, 12 ptos, negriña, parágrafo 6ptos antes e  despois, alienado á esquerda 
  • Texto e parágrafos: Times New Roman, 11 ptos, entreliñado 1.15, 6 ptos espaciado despois  do parágrafo e xustificado 
  • Táboas e figuras: os títulos deben estar en Times New Roman, 11 ptos. O texto nas táboas e  figuras debe estar en Times New Roman 10 ou 11 ptos  
  • Referencias: segundo as normas APA, 7ª edición Times New Roman, 11 ptos, sangría  francesa, entreliñado 1,15, 6 ptos espaciado despois do parágrafo e xustificado 

Táboas e figuras. Considéranse figuras os gráficos, esquemas, fotografías, etc. As táboas e as  figuras que acompañan ao texto deben estar numeradas, referenciadas no mesmo e situadas no  lugar exacto onde se desexa que queden publicadas. Imaxes en formato .jpg. 

Anexos. Pódense incluír os anexos sempre e cando sexan pertinentes para a información que  ofrece o texto.  

Citas e Referencias. De acordo coas normas APA (7ª edición), as citas bibliográficas indicadas no  texto, deben indicar o apelido do/as autores e o ano de publicación (https://normas-apa.org/referencias/).  Todas as citas bibliográficas deben quedar recollidas no apartado de Referencias, seguindo as  citadas normas APA. Estas referencias deben estar ordenadas alfabeticamente e con sangría  francesa. Por exemplo:  

Bermejo, M.R., Maneiro, M., Rodríguez-Silva, L. e Fernández-García, M. I. (2019). A IUPAC na  axuda da confección do sistema periódico. Boletín das Ciencias, 87, 103-115.

ENVÍO DE ORIXINAIS 

Os orixinais serán enviados á secretaria@enciga.org. De cara a garantir unha revisión anónima,  débense enviar dous arquivos, un anónimo (evitando auto-citas e eliminando do documento  calquera rastro de nomes, apelidos, lugar de traballo) e outro cos datos de autoría completos.  

Os arquivos deben nomearse coas palabras máis importantes do título do documento engadindo  ANONIMO ou AUTORE/AS, segundo corresponda. 

REVISIÓN POR PARES 

Os traballos serán revisados por dúas persoas do comité científico da revista no prazo de 3 meses.  Pasado ese tempo, notificaráselles aos autores e autoras se o documento é aceptado, aceptado con  modificacións ou rexeitado. 

AVISO DE DEREITOS DE AUTORÍA 

Os autores e autoras conservan os dereitos de autoría e ceden os dereitos de primeira publicación  á revista Boletín das Ciencias, permitíndolle que divulgue e distribúa o seu contido por todos os  medios tecnolóxicos dispoñibles e a través de repositorios. 

DECLARACIÓN DE PRIVACIDADE 

En cumprimento co establecido na Lei Orgánica 3/2018 de Protección de Datos Persoais e garantía  dos dereitos dixitais, os nomes e direccións de correo electrónico, así como outros datos de  carácter persoal, non serán cedidos, nin compartidos con empresas, nin entidades alleas ao Boletín  das Ciencias.