Novas Enciga

I Premio Luís Porteiro Garea para o profesor Manuel Bermejo

O xurado do I Premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso do galego na Universidade de Santiago concedeu por unanimidade esta primeira edición do premio ao profesor emérito Manuel Bermejo Patiño, catedrático de Química Inorgánica da USC .

O xurado destacou o compromiso do premiado coa lingua galega “dende o inicio da súa carreira docente nos anos sesenta, a súa defensa desta lingua en todos os foros, os seus esforzos para incorporala de xeito normal na docencia e na divulgación da ciencia, as súas publicacións neste eido e as moitas que promoveu durante a súa etapa como director do Instituto de Ciencias da Educación”. O xurado tamén puxo en valor o “esforzo levado a cabo para estender o uso do galego dende os postos de alta responsabilidade que ocupou na propia USC e na CIUG” así como a “pegada que o seu compromiso deixou en miles de alumnos e alumnas, algúns deles hoxe en día profesores e profesoras no ensino medio e na propia universidade”.

A entrega do premio, que lembra a figura do profesor da Cátedra de Dereito Civil e membros das Irmandades da Fala Luís Porteiro Garea, celebrarase nun acto público que se desenvolverá no Paraninfo da Universidade o día 15 de setembro de 2017, coincidindo co aniversario da primeira lección en galego de que se ten constancia e que fóra pronunciada nese mesmo lugar o 16 de setembro de 1915 polo profesor Porteiro.

Noticia no correo galego

Noticia na voz de Galicia