Novas Enciga

Curso gratuíto de química experimental para alumnado de bacharelato

No último congreso de ENCIGA, o grupo CienciaNOSA presentou o  MOOC (acrónimo en inglés de Massive Online Open Course) “Química unha ciencia experimental”, trátase dun curso aberto de química en liña a partir dun enfoque experimental, baseado principalmente en prácticas de laboratorio. O alumnado de bacharelato pode inscribirse gratuitamente na primeira edición deste curso en liña, hai un prazo ata o 20 de decembro para a inscrición de calquera que estea interesado, para logo realizar o desenvolvemento do curso durante xaneiro e febreiro de 2022 (son unhas 10 horas totais que se poden cursar cando un queira). O alumnado inscrito poderá obter un diploma de recoñecemento do aproveitamento do curso.

Química – unha ciencia experimental consta de seis temas, para cada un dos cales se lle ofrece ao alumnado un resumo cos principais conceptos de cada módulo, unha serie de audiovisuais que inclúen experimentos de laboratorio e un cuestionario para que alumnado comprobe o seu progreso en cada un dos temas. Todo o material do curso está en aberto a través do portal http://funil.gal/mooc-curso-aberto.html, onde tamén se pode realizar a inscrición (o acceso para inscrición ten que ser mediante ordenador, non está habilitada a opción co móbil).