Profesor ac(u)(o)sado

Estimadas socias e estimados socios:

Probablemente vos teña chegado información polas noticias aparecidas en diferentes medios de comunicación (La Voz de Galicia, El Correo Gallego, Onda Cero, e quizáis algún outro máis) sobre un episodio de carácter docente ocurrido a un profesor de Física de 2º BAC do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.

O meollo da cuestión ten que ver cunhas reclamacións feitas polas cualificacións que este profesor ten otorgado neste curso e que son consideradas como inaceptablemente baixas por parte dalgún sector do centro educativo.

Nos días seguintes á celebración da xuntanza de avaliación, os medios de comunicación antes sinalados publicaron -mesmo algún en portada- novas sobre estes feitos cuns contidos e opinións que, pensamos, están preto do que poderíamos considerar como un linchamento moral do devandito profesor.

Varios socios de ENCIGA fixéronnos chegar o seu malestar polo inapropiado tanto das formas como do fondo, e, dado que o profesor implicado é socio de ENCIGA, querémosvos trasladar o sentido dese malestar e que se resume no seguinte:

Non entramos no fondo da cuestión, pois nin temos todos os elementos de xuízo para facermos unha clara idea dos feitos, nin é tampoco asunto sobre o que nós debamos entrar a valorar publicamente. Entendemos que son as instancias educativas as que deben entrar a xulgar eses feitos, seguindo os procedementos administrativos que sexan de aplicación no caso. Entendemos como inaceptable que -desde sectores interesados- se esté a facer un xuizo paralelo a través dos medios de comunicación co obxecto de influenciar na decision das comisións encargadas do caso, que só deberían atender a cuestións obxectivas e actuar en consecuencia.

As irregularidades deben ser obxecto de investigación e sanción polos que legalmente teñen asumida esas funcións: a inspección educativa, as comisións de revisión, etc.

Non se debe aceptar que sexan algúns medios de comunicación os que, lonxe do código deontolóxico do xornalismo, deteminen, xa de principio, cal debe ser o resultado ao que deben chegar as instancias oficiais.

O profesorado debe someterse unicamente ás normas que a lexislación vixente contempla, e se no exercicio da súa función docente comete irregularidades deberá ser obxecto tanto da revisión e xuizo dos seus actos como das sancións que procedan, pero, todo elo, unicamente polos órganos xurisdicionais que son competentes.

Se aceptamos outras prácticas alleas ao que vimos de indicar estaremos perdendo definitivamente a nosa independencia de xuízo e deberemos proceder á realización das nosas valoracións profesionais en función da presión que desde fóra podan facer sobre nós.

Un cordial saúdo

A directiva de ENCIGA

Comentarios

Viva o primeiro poder !

Somos os culpables de case que todo, os funcionarios e máis aínda os mestres e profesores. Causamos as crises financieiras e bancarias; especulamos co solo ata facer rebentar a industria do ladrillo; as nosas dietas son suculentas e inventamos claustros, comisións pedagóxicas e reunións de departamentos para cobrar esas asistencias; e que dicir das comisións que recibimos pola compra de material para os nosos laboratorios; os nosos soldos non paran de crecer, e os presupostos dos nosos centros sitúan á "prima de risco" en valores insoportables. E ademais, adoctrinamos ao alumnado desde a intolerancia e o sectarismo...

E aínda hai quen se cre na posición de poder decidir soberanamente sobre as cualificacións dos alumnos. Pero meu, en que país vives... Que pensabas, que estás nun país tercermundista como Francia, Finlandia ou Alemania? Nestes países con gobernos e administracións irresponsables, derrochadoras, ineficientes, incompetentes, non se ocupan de cousas tan nimias como que un profesor exerza a súa función dentro das normas que están establecidas. Están tan embriagados de corrupción que non hai marxe para iso. Pasas desapercibido.

Pero este non é o noso caso. Hai tan poucas distraccións ilegais ou alegais para os que os que mandan aquí, que calquera "listiño" que se atreva en determinadas circunstancias a impoñer unha legalidade diferente "da o cante". Como non podería ser doutro xeito é inmediatamente denunciado, e desde os medios que sempre souberon estar en contra do poder corrupto e defendendo a todos os cidadáns sexa cal sexa a súa condición, son conminados á depoñer a súa inaceptable actitude.

Felicitémonos pois de que todo funcione ten ben e mostremos a nosa ledicia por ter chegado a estes niveis de igualdade e de democracia.

Congratulémonos que teñamos aínda ese tipo de prensa xogando ese papel tan importante... E aínda hai quen despectivamente a cualifica de "cuarto poder".

Que carallo! PRIMEIRO PODER ! SI SEÑOR !

Ramón Cid (IES de SAR-Santiago)

...non protestei, porque eu non era comunista...

Cando os nazis viñeron a levar aos comunistas,
calei, porque eu non era comunista,

Cuando encarcelaron aos socialdemócratas,
calei, porque eu non era socialdemócrata,

Cuando viñeron a buscar aos sindicalistas,
non protestei, porque eu non era sindicalista

Cuando viñeron para levar aos xudíos,
non protestei, porque eu non era xudío,

Cuando viñeron a buscarME,
non había ninguén que puidiera protestar.

Martin Niemöller

 Do sermón "Que teria dito Xesucristo?". Semana Santa de 1946

Profesor ac(u)(o)sado

Despois de navegar pola rede para enterarme concluín que as novas non dicían nada, pero inducían moito. Sigo sen considerar que sei o que pasou, pero tendo outro exemplo máis de manipulación. E, se se ollan os comentarios, como para botarse a tremer.

Sempre o mesmo!

Non coñezo o caso en profundidade pero hai unha cousa que teño clara por repetirse unha e outra vez: esta sociedade ten un único parámetro para avaliar a calidade do ensino: as notas finais.

Non importará a análise do contexto, as melloras que teñas obtido, a túa metodoloxía, a precariedade ou non dos medios de que dispoñas, os resultados obxectivos do proceso de ensino e aprendizaxe (entre nós, se o alumnado aprendeu ou non), o teu entusiamo, a túa implicación, as dificultades diarias na "trincheira"... O único que importa é un bonito número nun papel. E ese número ten que acomodarse a unha bonita campá de Gauss de moda, mediana e media superiores a, digamos, sete puntos. Se non obtés esa campá, a sociedade reclamará. Poida que haxa algún problema detrás dos teus resultados, pero o problema de fondo non importa, todo se solucionará se rectificas os teus datos. Entón xa non hai problema.

Propóñovos una sinxela e elegante conversión cando esteades neste caso:

(Boto en falta un editor de ecuacións)

y = √(10*x) , onde x é a nota que ías poñer e y é a nota que finalmente porás. Probádea, é xenial.

Unha versión menos radical:

y = raiz enésima (10*xn-1), con n 3 ou 4

Nota

Lamento ter que disentir. Porque alumnos hai que botan o ano entregando os exames en branco, sen escriir un só garabato no caderno, e pasando as horas de algunhas materias facendo de todo menos o que se supón que deben. Logo o resultado numérico da avaliación debería ser cero, o cal é incompatible co xade, onde, se non me equivoco, non hai cero. A conclusión que extraio é que sufro alucinacións: algo terán feito os tales que mereza un un. A sinatura da proba, por exemplo (caderno non teñen). Naturalemente, tamén admito que pode ser que non sexa un profesor "motivador". Non canto, nin fago teatro, e gústame levar as miñas explicacións polo camiño da lóxica e o contraste coa experiencia. Son un aburrido. Que lle imos facer! Vou ter que dimitir por triste!

Polo tanto suxiro unha corrección a látigo dos datos, ou, no seu defecto, empregar, en plan xeneroso y=√(10(x+1) ou y=√(10(x+1/10)). Lamentablemente esta última inclúe unha fracción, e non sei se será comprensible polos afectados...

Ac(u)(o)sado

Primeiro vin o título, e púxenme en garda contra o corporativismo. Despois lin o que recibín, e quedei sen saber que opinar. Logo lin os xornais en liña, e fíxenme unha idea de como non podía ser a cousa. Despois aínda pasei a enterarme 'de primeira man' e entereime do desmán.

Os profesores non somos santos, e ademáis cometemos erros. Pero debemos ensinar tamén cando os erros os cometen os demáis, e tentar que os corrixan. E coido que iste é o caso. Un caso que coido que manifesta corrupción do sistema, e tamén corrupción entre o profesorado. O peor acoso é quizáis o que se sofre debido ós iguais. Sen ese conformarse cunha situación inxusta que non se recoñece como tal, senón como jauja, non sería posible a acusación e acoso doutros poderes, léase institucións ou os mesmos alumnos que a río revolto pensan na ganancia de pescadores, e incrementan a bóla de neve ata facela asfixiante...

Profesor ac(u)(o)sado

Estou totalmente dacordo coas indicacións realizadas no comentario anterior. Tamén me sinto molesta pola situación que está a vivir o noso compañeiro e desaprobo o xeito de actuación que tiveron os sectores relacionados co tema, independentemente de cal fose o resultado da investigación por parte da Inspección Educativa, da que tampouco eu coñezo as razóns alegadas. Grazas a ENCIGA por permitir expresar a nosa opinión e "apoiar" dalgún xeito ao noso compañeiro.

A mala educación

Neste tempo no que semella que a falta, xa non de educación, senon do máis elemental sentido de civismo e respecto se apoderou dos usos sociais, todo o meu apoio e solidariedade coa labor dun compañeiro no exercicio profesión tan importante e menosprezada.

Unha aperta forte

Im-presionante

O meu máis sentido pésame polo pesamento da credibilidade e honradez do profesorado.

Supoño que tan inestimable perda a reemplazarán máis cedo que tarde.

Q.E.D.

Vergonza allea

Non é a primeira vez (e por desgracia tampouco será a última) que a "comisión de supervisión" formada por sabe deus que especialistas permítese a desfachatez de correxir, non só as cualificacións dun profesor, senón tamén as dun departamento enteiro (como é o caso da ratificación que o departamento fai das cualificacións do profesor) sen dar ningunha explicación dos motivos que levan a dita actuación.

Paréceme un feito denigrante.

A raíz do mal.

Como todo o mundo sabe, a terra é plana. O Sol xira arredor dela, e os planetas. O coñecemento encóntrase nos libros, na autoridade e na opinión, non nos feitos. A verdade é un consenso, non unha explicación factual dunha realidade reproducible. E a mellor maneira de non ter malas contestacións e non facer as preguntas inconvenientes.

E terán a coraxe de nos dicir que non entendemos o que pasa. 

Eu creo, modestamente, que pagaría a pena confirmar os asertos da carta e, de confirmarse a información que se desprende de aí, presentar denuncia contra a dirección e a inspección no xulgado de garda. Por falsificación e alteración de documento público, por exemplo, ou algo similar. Porque para bromas, estas son tan pesadas que paga a pena devolvelas.

Agradecemento do ac(u)(o)sado

Apreciados compañeiros/as de ENCIGA: 

Quero manifestarvos o meu sinceiro agradecemento polas vosas mensaxes de apoio e solidariedade. Representa un grande alivio para min sentir que non estou completamente so nestes difíciles momentos.

Moito me temo que o que a min me aconteceu estase a facer cada ano máis común. Acábanme de chegar noticias dun caso parecido en Lugo (http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2012/06/06/siete-alumnos-ies-ollos-grandes-llevan-xunta-suspenso-apeo-selectivo/0003_201206L6C4991.htm?utm_source=buscavoz&utm_medium=buscavoz)

Mentres aos profesores nos sigan a encargar a crucial tarefa decidir quen vai ou non á selectividade e a nota desta conte só un 40% frente ao 60% do expediente, os pais e os alumnos van a seguir presionándonos cada día con máis forza, animados por éxitos como o do meu caso, para que lles inflemos as notas. E vos sabedes que o fácil, o cómodo, o agradecido para un profesor é ceder a esas presións.  Aqueles que non o fan deseguida se lles etiqueta de sádico, cabrón e mala persoa, incluso por aqueles docentes que sí ceden ás presións. Se a nota de acceso á universidade viñera determinada só polos exames externos, a imaxe pública do profesor na sociedade podería mellorar notablemente. Entón podería ser visto como un entrenador que axuda aos seus pupilos a sacar o mellor de sí mesmos para superar esas probas externas, non como un energúmeno que lles pode foder, con perdón, o seu futuro. 

Mentres non sexa así, e a partires desta traumática experiencia, para os próximos cursos estou valorando a posibilidade de, no lugar de usar esas fórmulas tan complicadas que suxerides,  poñerlles directamente a todos os meus alumnos un 10.  Ensinaríalles o mellor que sei, coma fixen sempre, e faríalles exames normais para que coñecesen o seu nivel real na asignatura, pero despois repetiríalles o exame coas respostas diante, para xustificar así a nota por si a inspección se metese (que non creo, porque só o fan se pos notas baixas e os pais protestan). Deste xeito non tería que facer exames de recuperación nin tería que ir ao instituto en setembro. Que os alumnos estudiarían menos ao saber que teñen o 10 asegurado? Xa o sei, pero que máis da, nin eles nin os pais protestarían. Só lles preocupa a nota, non o que aprendan realmente. Que logo sacarían mala nota na selectividade? Non importa: mentres saquen un 4 xa fan media coa nota do expediente, e ésta sería alta debido ao meu 10 e ao dos demáis profes "guais", polo que pasarían por diante dos rapaces doutros institutos que teñen profes “cabróns”. Esa é a filosofía do centro ao que cheguei este ano (o Rosalía de Castro) e a de moitos centros privados. Así que non a desbotedes tan axiña, porque estase a xeralizar e tal vez teñades que aplicala antes do que creedes...

Ademáis nesta experiencia detectei algo que me preocupa moito: a corrupción no noso pais chega ata estes pequenos/grandes asuntos educativos. Hai funcionarios de inspección e cargos da Consellería con comportamentos que só podo calificar de mafiosos e caciquís. Algúns dos encargados de velar porque o sistema educativo funcione e sexa o máis equitativo e xusto posible, ocúpanse tan só de favorecer aos fillos desta e de aquel. Están alineados cos pais fronte aos profesores, corpo do que “escaparon” para poñerse por riba del e disfrutar do seu poder. Non lles preocupa para nada a calidade do ensino; só buscan contentar ás familias e aos medios de comunicación. Pretenden que diminúa o fracaso escolar só nas estatísticas, subindo as notas artificialmente ou coa baixada xeralizada do nivel de esixencia. Os que me coñecedes sabedes que eu son moi crítico con noso sistema educativo, pero mentres non cambie, creo que o noso deber como funcionarios e aplicar a lexislación vixente. Atopei que hai membros da administración educativa con máis poder ca nos que non o creen así. Creo que está ben sabelo para actuar en consecuencia.

En fin, foi esta para min unha moi desagradable pero aleccionadora experiencia. As mostras de apoio dos compañeiros coma vos, pero sobre todo dalgúns ex-alumnos, que son quen mellor coñece o meu traballo, son o único positivo que saco dela (http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2012/06/05/educacion-sube-nota-fisica-alumnos-rosalia-reclamaron/0003_201206S5C6991.htm?utm_source=buscavoz&utm_medium=buscavoz ).

Moitas grazas de novo polas vosas mostras de solidaridade.

Un cordial saúdo.

Paco Rañal.

Solidaridade

A miña mais completa solidaridade. Ainda que non te coñezo, compañeiro, xa sei que as notas que ti lle puxeches ós alumnos eran algo mais altas do que eles merecían.

Cabe a posibilidade de que a Comisión de Supervisión dictara unha resolución inxusta a sabiendas? Se fora así alguén, Enciga, os sindicatos ou algo por crear, debería presentar unha querella por prevaricación. Resulta indignate que unha resolución xusta, como non teño ningunha dúbida era a tua, sexa modificada impunemente.

Cando se xuzga a un alumno, ou se fai xustiza ou se prevarica (no caso dos funcionarios). Cando se revisa a nota por especialistas, o mesmo. Eu xa vin un 10 xeral e non actúa ninguén, pero é un delito.

Unha aperta