Presentación do XXXII Congreso de ENCIGA

Lugar de celebración

  • IES María Sarmiento (Viveiro)

Datas

  • 14, 15 e 16 de novembro de 2019

Comité organizador do XXXI Congreso de ENCIGA:

Coordinadores: 

  • José Luis Varela Piñeiro
  • Mª Elena Pérez Inés
Correo web para o Congreso: congreso32@enciga.org
  • Data límite para a inscrición: 31 de outubro
  • Data límite para envío de resumos: 11 de outubro
  • Data límite para envío de ponencias completas: 16 de outubro

Inscrición aquí. Máis información no menú da esquerda: XXXII Congreso (2019)

 

 

Carta de presentación

Nada na vida é para ser temido, apenas si para ser entendido. Agora é
o momento de comprender máis para que poidamos temer menos.”

(Marie Curie)

Prezadas compañeiras e compañeiros:

Os días 14, 15 e 16 de novembro de 2019 celébrase o XXXII Congreso de ENCIGA no IES María Sarmiento de Viveiro, na costa norte de Lugo. Que saibades, amigos e amigas ensinantes de Ciencias de Galicia, que esta chamada dende a Mariña occidental ten os seus perigos, témosvos preparada unha morea de engados que vos apreixarán para sempre, mais non temades, aquí non vai haber anzois, senón moitas praias, algunha fervenza que vos ha de “ferir” para sempre, algún que outro souto entre miles de eucaliptos, pero tamén corvos mariños e garzas, abrelas, esteiros e grandes vistas ás nosas rías de máis ao norte. É certo que este novembro non poderemos garantirvos un anticiclón, e tampouco seremos quen de afastar da Mariña os vagos xiróns das brétemas nin calquera despistada cicloxénese máis ou menos explosiva, pero si vos aseguramos que ides atopar en Viveiro un porto seguro e acolledor para a vosa estadía. Neste ano en que se celebra o 150 aniversario da táboa periódica dos elementos químicos e se recoñece na nosa terra o químico Tomás Batuecas, nós queremos tamén que haxa un oco para o lecer, así que se tendes táboa de surf, aquí tamén temos as ondas axeitadas; ao igual que non faltarán esoutras táboas con algo sólido e nutritivo enriba, salgado ou doce, mais non adiantemos acontecementos: teredes que o vir descubrir.

Non esquezades que a forza de ENCIGA sodes todos vós, que coa vosa asistencia e colaboracións contribuídes a que congreso a congreso esta asociación manteña o seu dinamismo e afán innovador. Por iso son tan importantes as vosas achegas: os relatorios, os obradoiros, os carteis e demais materiais; traballos, sen os que isto non sería posible, e que pronto poderedes enviar. Na páxina web de ENCIGA (www.enciga.org) estarán á vosa disposición o formato e os prazos de presentación dos traballos e de formalización da vosa inscrición ao congreso. Recibide un saúdo moi agarimoso dende o IES María Sarmiento, e en especial do equipo que vos prepara a mellor das benvidas.

Contactar Congreso

JOSÉ LUIS VARELA PIÑEIRO
Mº ELENA PÉREZ INÉS

IES MARÍA SARMIENTO (VIVEIRO)
Rúa da Misericordia, 58
27850-Viveiro (Lugo)
Tlfno: 982 870916
Fax: 982 87 09 33
http://www.edu.xunta.gal/centros/iesmariasarmiento

Contidos do Congreso

Actividades

No congreso desenvolveranse as seguintes actividades:

  • Conferencias
  • Comunicacións
  • Comunicacións en cartel
  • Obradoiros
  • Exposicións e mostra de materiais
  • Debates
  • Visitas e actos sociais
Temas

Os temas que suxerimos para a presentación de traballos, sen carácter excluínte, son:

  • Experiencias didácticas
  • Actividades de investigación-acción
  • Experiencias interdisciplinares
  • Tratamento de contidos transversais
  • Avaliación
  • Estratexias metodolóxicas
  • Desenvolvemento curricular
  • Materiais curriculares
  • Recursos multimedia
  • Aquel tema que prefiras, porque xamais sobrará o que nos queiras contar

Este ano, declarado pola UNESCO como Ano Internacional da Táboa periódica dos Elementos Químicos (IYPT 2019), teremos como novidade unha sección dedicada á Táboa periódica.