Libro: Euclides. Elementos

Título Euclides. Elementos
Autor Prólogo de José Luis Gómez Pardo. Tradución de Ana Gloria Rodríguez Alonso e Celso Rodríguez Fernández

ISBN 978-84-15876-04-5
Tamaño 15 x 23 cms.
Páxinas 835

Ano:  2013

Editorial: Servizo de Publicacións  da Universidade de Santiago de Compostela, Fundación BBVA.

O libro forma parte da colección Clásicos do Pensamento Universal coeditada pola Universidade de Santiago e a Fundación BBVA, Máis información na ligazón:  Euclides. Elementos.

Resumo: Elementos de Euclides é un clásico no sentido orixinal do termo pois, malia ter sido escrito xa iniciado o período helenístico, constitúe unha presentación maxistral das matemáticas coñecidas polos gregos ata o ano 300 a. C., a meirande parte delas desenvolvidas na Grecia clásica por matemáticos como Pitágoras, Teeteto e Eudoxo.

A obra é fundamental non só polo seu contido matemático senón tamén pola forma de presentalo, xa que establece por primeira vez o método axiomático, tan relevante na posterior evolución das matemáticas ata o día de hoxe.

O prólogo inclúe unha presentación dos Elementos que evidencia a súa incalculable influencia no eido da ciencia, enfatizando que  probablemente se trate do texto científico máis traducido e editado. Usado con exclusividade  ata a aparición das xeometrías non euclidianas no século XIX,  xa ben entrado o século XX, Elementos continuaba a ser empregado como texto matemático básico. Ademais, influíu decisivamente na arquitectura a través da teoría da proporción, na pintura, onde tivo un papel fundamental no desenvolvemento da perspectiva,  e mesmo na máis actual matemática computacional. Trátase pois dun clásico con maiúsculas, que, en definitiva, semella modularse segundo os tempos en que é interpretado.

Os Elementos é un compendio de 13 libros. Os libros I, II, III e IV dedícanse ó estudo da xeometría plana, os libros V e VI á teoría da proporción, o VII, VIII e IX á aritmética, o X ó estudo da inconmensurabilidade e os libros XI, XII e XIII á xeometría do espazo.

Toda a teoría desenvolvida ten como punto de partida os 5 postulados e 9 nocións comúns que se recollen no libro I, e inclúe, nesta edición dos Elementos, 133 definicións, 465 proposicións, 26 corolarios e 17 lemas.