Exposición Imaginary

A RSME (Real Sociedad Matemática Española) e a USC organizan a exposición IMAGINARY, en colaboración coa Facultade de Matemáticas e ENCIGA, entre outras organizacións e entidades. Estará ata o 16 de maio na Igrexa da Universidade situada na Praza de Mazarelos no edificio da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago.

Páxina principal: http://www.usc.es/gl/centros/matematicas//imaginary
Para visitas de grupos: http://www.usc.es/gl/centros/matematicas/imaginary/visitas_grupos.html


Trátase dunha exposición visual e interactiva, na que se poden atopar imaxes, pantallas táctiles, esculturas e obxectos de natureza matemática. A mostra ten un dobre carácter: cultural e divulgativo; nela pódese apreciar que Matemáticas e Realidade, Matemáticas e Arte, están en estreita conexión.

Esta exposición é unha oportunidade para amosar á sociedade unha imaxe suxestiva e próxima das Matemáticas. Para desvelar que as Matemáticas se atopan presentes en todos os ámbitos da vida, incluso nos máis insospeitados. É unha aproximación dende a imaxe, dende a Cociña, dende a Arte.

Todos os interesados son benvidos, e estamos seguros de que poderán disfrutar de RSME-IMAGINARY-SANTIAGO, ben participando ou simplemente contemplando a beleza das imaxes que se exhiben. Para isto, non é necesario posuír unha bagaxe matemática previa. Trátase simplemente de deixar voar a imaxinación a través da interacción cos distintos programas da exposición, a través da contemplación das formas, das imaxes, a través do disfrutar estético.