Concursos

VI Campionato Internacional de Cálculo Mental superTmatik

Trátase dunha competición internacional de matemáticas  para alumnos de primaria e secundaria (6 - 15 anos).
 
Os obxectivos principais do campionato céntranse en: promover o interese polo cálculo mental; desenvolver as habilidades numéricas e de cálculo mental; reforzar a aprendizaxe das matemáticas a través do xogo; e descubrir e premiar o talento polo cálculo mental.

VII Olimpíada de Bioloxía

A Asociación Olimpíada de Bioloxía (OEB) convoca a VII Olimpíada de Bioloxía (Fase Autonómica Galega) baixo o patrocinio de, entre outros, o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia

Poderán participar nela todos os estudantes que estean matriculados, en Galicia, durante o curso 2011-2012, no 2º curso de Bacharelato e que sexan seleccionados segundo os criterios indicados.

Os interesados en participar solicitarano por escrito, cumprimentando integramente o Boletín de Inscrición e demais documentación. E deberán enviala por correo electrónico á dirección do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia: olimpiadabioloxia@biologosdegalicia.org

Prazo de inscrición: entre o 15 de outubro e o 15 de novembro de 2011. A proba celebrarase o día 13 de xaneiro de 2012 na Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo.

I Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos

A Sociedade Galega para a promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO) convoca o concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos para proxectos de estatística e investigación de operacións realizados por estudantes de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Toda a información relativa a esta convocatoria pode consultarse na páxina web da SGAPEIO: www.sgapeio.es

3º Concurso de Relatos: Ciencia que conta 2010

É un concurso de relatos curtos vencellados á ciencia, organizado polo equipo de profesores do proxecto “A Ciencia conta” da Universidade de Vigo.

En xeral trátase de relatar poñendo en valor a importancia da ciencia no desenvolvemento económico e no benestar dunha sociedade –nomeadamente a galega- e un maior recoñecemento social destas actividades, así como un achegamento ao traballo científico e ás profesións de científicos e tecnólogos

Páxinas